O Senado debate a lei da amnistía este luns coa presenza de Aragonès
O Senado debate a lei da amnistía este luns coa presenza de Aragonès
O presidente catalán confirmou que acudirá á Cámara Alta para defender a lei de amnistía
O Goberno non participará este luns no debate sobre a lei de amnistía que terá lugar na Comisión Xeral de Comunidades Autónomas do Senado e en que intervirán o presidente da Generalitat Pere Aragonès e seis presidentes de comunidades do PP, ademais do da cidade autónoma de Melilla.
Na reunión desta comisión debaterase o informe proposto polo PP, con maioría absoluta na Cámara alta, sobre o impacto autonómico da lei de amnistía, un texto que considera que esta norma é de "manifesta inconstitucionalidade" e deixa desprotexido o Estado autonómico.
Durante o debate do informe, o Goberno podería intervir para defender o texto da lei, pero finalmente, segundo a axenda oficial do Executivo feita pública este domingo, ningún ministro acudirá ao Senado.
Tampouco participou o Goberno noutro debate que sobre a lei de amnistía houbo na mesma comisión desta cámara en outubro pasado, en que tamén estivo presente Aragonès para defender a norma fronte a todos os presidentes de comunidades do PP.
Nesta ocasión, ademais de Aragonès, tomarán a palabra os presidentes da Comunidade de Madrid Isabel Díaz Ayuso, da Comunidade Valenciana Carlos Mazón, de Castela e León Alfonso Fernández Mañueco, de Aragón Jorge Azcón, de Estremadura María Guardiola, de Murcia Fernando López Miras e da cidade autónoma de Melilla Juan José Imbroda. Xustifican a ausencia o presidente andaluz Juanma Moreno e o titular da Xunta Alfonso Rueda, que se encontrará en plena preparación do debate de investidura.