Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aprobada a reforma que acaba coa sedición e rebaixa as penas por malversación

Aprobada a reforma que acaba coa sedición e rebaixa as penas por malversación

O Senado aproba de forma definitiva a reforma do Código penal que derroga a sedición e rebaixa as penas para a malversación tras rexeitarse os vetos do PP, Vox, Cs, Junts e UPN

A sedición tranfórmase nun delito de desordes públicas agravadas cunha pena máxima de 5 anos, fronte aos 15 actuais, redúcese a 4 anos o castigo máximo para a malversación sen ánimo de lucro

 

G24.gal 22/12/2022 07:53 Última actualización 22/12/2022 21:34

Cunha tramitación exprés e tras acatar o recorte imposto polo Tribunal Constitucional á proposición de lei remitida polo Congreso, o Senado aprobou este xoves de forma definitiva a reforma do Código penal que derroga a sedición e rebaixa as penas para a malversación.

Tras rexeitarse os vetos do PP, Vox, Cs, Junts e UPN, 140 senadores votaron a favor, 118 en contra e tres abstivéronse ante unha reforma que converte a sedición nun delito de desordes públicas agravadas cunha pena máxima de 5 anos, fronte aos 15 actuais, e que reduce a 4 anos o castigo máximo para a malversación sen ánimo de lucro.

Para Esquerra Republicana, todo un logro.

Mirella Cortés, ERC, di que "a aposta clara de ERC polo diálogo e a negociación está dando os seus froitos, coa derrogación do delito de sedición conseguimos diminuír a capacidade represiva do Estado".

Os socialistas defenderon ese diálogo cos independentistas a prol, din, da estabilidade en Cataluña. Para o PP ten outros fins.

 "Agora en España para o PSOE de Sánchez hai unha corrupción boa, a que lle permita quedar no poder só liberando da cadea a quen o apoia", di Javier Maroto, do PP.

José María Oleaga, do PSOE, responde: "A democracia é o diálogo e o entendemento, e iso supón que ás veces hai que facer cesións. Ou acaso non as fixeron vostedes cando estaban no poder?"

As referencias á crise institucional entre os poderes do Estado foi inevitable durante o pleno. Populares e socialistas responsabilizáronse mutuamente do conflito.

Javier Maroto, senador do PP: "O que pasou con esta lei é que se intentou resolver un asunto moi importante cunha chapuza, cun atropelo"

O PSOE sostén que "isto é un atentado á democracia. A Constitución di que hai que renovar, non que hai que renovar cando ao PP lle veña ben".

Todas as intervencións, sen excepción, aludiron á decisión do Tribunal Constitucional de retirar as dúas emendas relativas á renovación do Poder Xudicial. 

A oposición centrou os seus discursos nunha reforma tramitada na Cámara Alta en só unha semana, que afecta aos dous delitos polos que foron condenados os dirixentes do 1-O e que, asegurou, pon en risco a integridade de España e beneficiará aos corruptos.

Pero a maioría parlamentaria uniuse para criticar ao PP, ao que acusou de cernar os dereitos dos parlamentarios ao acudir ao Constitucional e de tentar conseguir nos tribunais o que non lograron nas urnas, mentres bloquea o Consello Xeral do Poder Xudicial e o tribunal de garantías.

Por orde do Constitucional, da votación quedaron fóra os apartados cos que a coalición de goberno quería reformar as leis do Poder Xudicial e do Constitucional para desbloquear a renovación dese tribunal, imposibilitando "o pleno exercicio das lexítimas facultades do Senado", manifestou o presidente do Senado ao chamar a votar, coa bancada do PSOE e os seus socios aplaudindo en pé.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade