O Seprona desmente un suposto caso de maltrato animal en Betanzos
O Seprona desmente un suposto caso de maltrato animal en Betanzos
A asociación Perros Invisibles denunciou o suposto maltrato de Orque, un can que viviría encadeado e á intemperie
Seprona e Policía Local coinciden en que non hai irregularidades e din que o can está debidamente coidado
A mobilización da asociación Perros Invisibles para denunciar un suposto caso de maltrato animal en Betanzos ten sorprendida a veciñanza. A asociación comezou a campaña en redes sociais para protestar polo estado de Orque, un can que -din- viviría encadeado, á intemperie e mal alimentado dende hai anos.
A protesta da asociación foi un paso máis aló, e ducias de simpatizantes concentráronse ás portas da casa de Orque para pedir a custodia do can. Houbo algún momento de tensión, e mesmo hai quen di que recibiu ameazas.
E o caso é que tanto os informes do Seprona como da Policía Local contradín a versión denunciada pola asociación animalista. Indican que, se ben é un animal de idade avanzada e cunha enfermidade grave, está tratado e controlado nunha clínica veterinaria.
Tampouco detectaron síntomas de desnutrición nin puideron constatar que o can durma fóra, senón no interior da vivenda. E acreditan que Orque leva microchip dende 2012, desmentindo outro dos aspectos denunciados pola asociación nas súas redes sociais.
Por todo iso, dende o Concello entenden que os donos de Orque están lexitimados para manter a custodia do can. Parece que agora podería ser esta familia a que interpuxese denuncia contra a asociación por entrar na súa propiedade sen permiso e, din, tentar roubar o can.