O Sergas convocará entre 1.000 e 1.200 prazas novas na vindeira OPE ordinaria
O Sergas convocará entre 1.000 e 1.200 prazas novas na vindeira OPE ordinaria
O conselleiro de Sanidade afirma que así o trasladará na Mesa Sectorial do 17 de novembro
Máis do 70 % das persoas maiores de 80 anos convocadas puxeron a vacina da covid e da gripe
As obras do Centro de Protonterapia comezarán antes de fin deste ano
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anuncia na Radio Galega que o Sergas convocará entre 1.000 e 1.200 prazas novas na vindeira Oferta Pública de Emprego ordinaria e que esgotará a marxe da taxa de reposición fixada polo Goberno central.
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, García Comesaña explicou que así llelo trasladarán aos sindicatos na xuntanza da Mesa Sectorial do 17 de novembro.
Á marxe desta OPE que prevé que se publique antes da fin deste ano, García Comesaña lembrou a intención do seu departamento (avanzada no Parlamento na exposición dos orzamentos da Consellería para 2024) de crear máis de 1.700 prazas para consolidar o aumento do cadro de persoal producido durante a pandemia e a posta en marcha de novas unidades.
“É unha información que se vai levar á Mesa Sectorial do vindeiro 17 de novembro (…), como non pode ser doutro xeito, e aí axustaremos. Estamos a falar da contorna de 1.000 -1.200 prazas que se van levar a esa mesa, que será oferta ordinaria dentro dese máximo da taxa de reposición para o ano 2023”.
Campañas de vacinación
O conselleiro de Sanidade deu os datos das distintas campañas de vacinación postas en marcha en datas recentes. No que atinxe á vacinación contra a gripe e a covid, García Comesaña asegurou que teñen vacinado “da gripe a máis de 410.000 galegos a día de hoxe e 365.000 da covid”.
O conselleiro atribúe esta diferenza ao feito de que moitas das persoas citadas tiveron covid recente e por iso non puideron inmunizarse, polo que aproveitou para lembrar que o coronavirus segue presente e a importancia de se vacinar para determinados colectivos.
“Na xente maior de 80 anos que estaba convocada nos centros de saúde chegamos ao 75 %, o dato no caso do Covid está no 72 %”.
O conselleiro insiste en animar a vacinarse tanto nos centros de primaria coma nos recintos masivos que prevé que estean abertos ata “primeira quincena de decembro”.
Respecto á vacinación contra a gripe dos nenos e nenas de entre 6 meses e 59 meses, García Comesaña lembrou que o obxectivo é chegar ao 60 por cento e explicou que para facilitarlles a nais e pais que leven aos seus fillos e fillas a vacinar, se habilitarán os hospitais de referencia na vindeira fin de semana para ese cometido.
Aínda sobre vacinación pediátrica, o conselleiro de Sanidade expresou a súa satisfacción pola marcha da inmunización contra o Virus Respiratorio Sincitial, o VRS.
“Estamos a falar do 92 por cento nos que van nacendo, case un 85 por cento nos de rescate (os nenos nados antes de que comezara a campaña) e o cen por cento nos de risco (os cativos e cativas considerados de grupos de risco”, detallou.
Investimentos e prazos
O conselleiro de Sanidade considera “probable que a obra do Centro de Protonterapia de Galicia (-que estará en Santiago)- empece este menos ano”. Tamén fixa no mes de marzo o inicio de produción do Centro de Terapias Avanzadas, do que indicou que xa ten persoal.