O Sergas ofrecerá o contrato proposto aos internistas a outras especialidades
O Sergas ofrecerá o contrato proposto aos internistas a outras especialidades
O xerente do Sergas expresa a disposición da Xunta a seguir falando cos internistas para aclarar calquera dúbida
José Flores confirma que vinte médicos internos residentes elixiron urxencias en lugar de seguir en medicina de familia
O xerente do Sergas, José Flores, asegura que a intención da Xunta é ofrecerlles o contrato de longa duración proposto aos internistas a outras especialidades con difícil cobertura nos hospitais de cabeceira de comarca, como é o caso de traumatoloxía ou radioloxía.
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Flores asegura que o novo sistema de contratación para cubrir este tipo de vacantes empezará a aplicarse este mes de xuño, "de inmediato".
"O novo sistema é practicamente para xa, para empezar xa a cubrir a partir do mes de xuño o que son as prazas para especialidades que son tan importantes para un comarcal como é medicina interna pero tamén podémolo utilizar para trauma ou radioloxía".
Ante as críticas dalgún colectivo de internistas á proposta da Xunta, Flores admite que a "prema" na reunión do xoves puido xerar algún erro ou "falta de comunicación".
Con todo, di que xa redactaron unha comunicación para remitírllela aos xefes de servizo para que á súa vez transmitan os detalles do acordado aos profesionais. Mesmo di que a Xunta segue disposta a reunirse para afondar nos detalles.
"É verdade que a reunión foi o xoves, onte falouse desa nota que se lles mandou. Imaxino que un pouco entendo que é falta de comunicación. Nós, dende a Consellería, tanto eu coma o conselleiro, estamos abertos a ter un acercamento tanto que sexa cos internistas, cos internistas que rematen agora (...), para explicarlles cal é a situación"
O xerente do Sergas tamén falou da oferta pública de emprego con 106 prazas para medicina de familia e cuxo prazo para se inscribir rematou esta semana.
Segundo explicou, dos médicos internos residentes que rematan este ano, vinte optaron por escoller urxencias en lugar de seguir en medicina de familia, argumento que reforza a tese da Xunta de que se cree a especialidade de medicina de urxencias e emerxencias.