O sistema sanitario galego, "pioneiro en cribados de cancro"
O sistema sanitario galego, "pioneiro en cribados de cancro"
O presidente Rueda reivindicou o "capital humano" e o desembolso público neste ámbito
3.000 varóns maiores de 50 anos participaron xa no cribado de cancro de próstata iniciado en xuño na área sanitaria de Ferrol. Trátase dun programa pioneiro en España que busca a detección precoz dunha doenza que acaban padecendo un de cada 8 homes.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, subliñou este xoves que o sistema sanitario autonómico é "pioneiro en cribados de cancro" e destacou a implantación do plan piloto sobre cancro de próstata, impulsado xunto a Cataluña, e que na comunidade galega comezou a súa despregadura en Ferrol.
Así o afirmou nunha visita ao hospital público ferrolán, no que estimou que estes proxectos permiten "estar orgullosos dos profesionais" sanitarios, "pioneiros, nalgúns casos a nivel mundial, en vacinación", engadiu.
Sobre esta iniciativa, apuntou que require de "unha enorme organización" e indicou que era "un compromiso adquirido durante os meses anteriores ás eleccións; e os compromisos hai que cumprilos", asegurou.
"Todo investimento en saúde pública é investimento en maiúsculas", apuntou Rueda, que reivindicou o "capital humano" e o desembolso público nestes ámbitos, do que puntualizou que non será "nunca suficiente, sempre ten que ir a máis".
O plan, segundo o xefe do Executivo galego, "vai en beneficio de todo o mundo" e incumbe a un tipo de cancro que é o máis común en homes en Europa, cunhas 500 mortes ao ano en Galicia.
O proxecto comezou en xuño e xa supuxo o envío de 3.000 primeiras invitacións na área sanitaria de Ferrol, tras as que se realizaron os cribados e as primeiras analíticas.
Este venres arrincará a segunda fase, que contempla a práctica de resonancias magnéticas nos pacientes que deban continuar coas probas e en función do risco detectado.