O festival O Son do Camiño celebrarase, segundo o previsto, do 16 ao 18 de xuño
O festival O Son do Camiño celebrarase, segundo o previsto, do 16 ao 18 de xuño
A organización confirma que, tras o accidente, a cita musical segue adiante
A investigación sobre a caída do escenario, pendente dos informes periciais
Os dous traballadores feridos graves no accidente permanecen estables
A organización de O Son do Camiño confirma que o festival continúa adiante, despois do accidente, e vai celebrarse no Monte do Gozo nas datas previstas: o 16, 17 e 18 de xuño.
Segundo informa nun comunicado, están a traballar nos "axustes pertinentes", que se darán a coñecer proximamente.
"Agradecemos aos servizos de emerxencia, bombeiros, Policía, e a todas as persoas, empresas e institucións, que participaron nas últimas horas na normalización da actividade do festival, todo o seu traballo e apoio".
Do mesmo xeito, considera que foron claves no desenvolvemento dos acontecementos "os equipos de protección individual, a profesionalidade e a experiencia das empresas implicadas na montaxe e a rápida activación do protocolo de emerxencias".
"Non queremos pechar este comunicado sen facervos partícipes de que seguimos, minuto a minuto, a evolución dos traballadores feridos. Para nós son familia", conclúe o texto.
Dous guindastres
Coa zona acordoada, este sábado os operarios comezaron a traballar para levantar o escenario. Ás once e media da mañá chegaban ao Monte do Gozo dous guindastres para intentar elevar a megaestrutura de 36 metros de ancho e 21 de fondo.
É un proceso lento e complicado que se desenvolve con todas as medidas de seguridade e intentando non danar máis a estrutura metálica.
Avaliación dos danos
Ao tempo que continúan estes labores, prosegue a avaliación de todos os danos e as inspeccións da zona. Axentes da Policía e os bombeiros de Santiago volveron á zona cero do sinistro.
No resto do recinto do Monte do Gonzo prosegue a montaxe doutros espazos previstos no festival O Son do Camiño, como o lugar da acampada para aloxar unhas 500 tendas.