O Supremo dos EUA mantén o acceso á pílula abortiva mifepristona
O Supremo dos EUA mantén o acceso á pílula abortiva mifepristona
O presidente estadounidense, Joe Biden, celebrou a decisión do alto tribunal
O Tribunal Supremo dos Estados Unidos decidiu este venres manter o acceso á pílula abortiva mifepristona, suspendendo de momento as restricións que un tribunal de apelacións ordenara a semana pasada.
A decisión supón manter sen cambios o statu quo sobre o acceso á medicación, polo menos mentres o tribunal de apelacións decide sobre a legalidade da aprobación que o organismo regulador do país lle deu ao fármaco hai máis de vinte anos.
Nunha mensaxe na que celebra a decisión do Supremo, o presidente estadounidense, Joe Biden, salientou que "a mifepristona segue a estar dispoñible e está aprobada para o seu uso seguro e efectivo mentres continuamos coa batalla nos tribunais".
O mandatario asegurou que o seu Goberno continuará defendendo a aprobación da mifepristona polos reguladores, e declarou que seguirá "loitando contra os ataques á saúde das mulleres politicamente motivados".
A maior instancia xudicial do país decidiu bloquear de momento as restricións que o tribunal de apelacións ou do quinto circuíto ordenara a semana pasada, como prohibir a receita da pílula a partir das sete semanas de embarazo ou o seu envío por correo.