O Supremo rexeita os recursos do Concello e do Estado contra a permanencia de Ence en Lourizán
O Supremo rexeita os recursos do Concello e do Estado contra a permanencia de Ence en Lourizán
A sentenza do Supremo contra a que se recorría permite seguir a Ence no lugar actual ata 2073
O Concello anuncia que recorrerá ante o Constitucional e ante os tribunais europeos
O Tribunal Supremo rexeita novos recursos do Concello de Pontevedra e da Avogacía do Estado contra a sentenza que avalou a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra ata 2073.
Neles, a Avogacía do Estado alegaba indefensión e o Concello de Pontevedra que na sentenza que prorrogou a permanencia de ENCE na ría non se valoraran cuestións relevantes.
Con esta petición, o Concello pretendía que a causa volvese á Audiencia Nacional, instancia que non seu día lle dera a razón e anulara a prórroga.
O Tribunal Supremo entende que os incidentes de nulidade presentados xa se abordaran en recursos anteriores.
O Concello de Pontevedra dixo este martes que a resolución era previsible e se incluía dentro da súa folla de ruta xudicial.
Segundo a nota do executivo local: "O auto omite por completo as dúas cuestións que puxo en consideración o Concello: falta de resposta ás peticións contidas na demanda e vulneración da tutela xudicial. Ante esta situación, o Concello xa estuda posibles accións adicionais ao respecto deste auto, e con carácter previo á presentación dun recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional e, de ser o caso, o inicio da vía xudicial europea".
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores quixo: "Volver transmitir a todos os cidadáns, porque sei que hai cidadáns preocupados e desacougados, que manteñan a confianza en que o Concello vai seguir loitando por todas as vías posibles para recuperar a ría".
"Temos dereito a resituar as industrias que están en dominio público e tamén preto de núcleos importantes de poboación. Estou convencido, e cada vez máis, de que non hai desenvolvemento económico nin de emprego sen respecto polo medio ambiente. É a nosa obriga deixar
aos nosos fillos e netos un planeta mellor", engadíu o rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores.