O temporal deixa inundacións, persoas atrapadas, estradas cortadas e trens suspendidos
O temporal deixa inundacións, persoas atrapadas, estradas cortadas e trens suspendidos
Obrigou a desviar por Madrid os trens que enlazan Cataluña con Valencia
Aemet mantén o aviso vermello só no sur da Comunidade de Madrid
O aviso laranxa por fortes chuvias permanece activo en Andalucía, Castela e León, Cataluña e a Comunidade Valenciana
A Dana provocará este luns treboadas no centro e no noroeste
A depresión atmosférica illada en niveis altos, DANA, que mantivo este domingo en alerta boa parte do país ante o risco de choivas torrenciais, provocou inundacións, persoas atrapadas en vivendas e vehículos, estradas cortadas, servizos de tren interrompidos e demoras nalgúns voos.
Toledo e Madrid estiveron en alerta vermella polas fortes choivas, mentres que a Axencia Estatal de Meteoroloxía, a Aemet, activou a alerta laranxa en Andalucía, Castela e León, Cataluña e a Comunidade Valenciana.
Na Comunidade de Madrid, a Aemet levantou a última hora da tarde a alerta vermella na serra, a zona metropolitana e Henares, aínda que a mantén no sur, en Vegas e no oeste da rexión entre as 19:00 e as cero horas, por precipitacións que poden alcanzar os 120 litros por metro cadrado.
Tamén na Comunidade Valenciana se levantaron xa todos os avisos por precipitacións, malia que aínda quedan activos por refachos de vento do leste de 70 a 80 quilómetros por hora e por temporal marítimo, con mar grosa e ondas de 3 metros.
En Madrid, o alcalde da capital, José Luis Martínez-Almeida, pediulles aos cidadáns que permanecesen nos seus domicilios salvo que fose imprescindible, dada a situación, que cualificou de "excepcional e anómala".
Ao mediodía, a Axencia de Seguridade e Emerxencias 112 enviou unha mensaxe precedida dun asubío estridente aos teléfonos móbiles que se atopaban na comunidade na que se informaba da situación e pedía aos cidadáns que non saísen de casa e evitasen coller o vehículo privado.
Todos os grandes centros comerciais da Comunidade de Madrid pecharon ás 18:00 horas, así como numerosas tendas das principais cadeas de roupa. Tamén se suspenderon algúns espectáculos da Gran Vía madrileña como os musicais do Rey León ou Aladdin e sesións de cinema.
Situación das estradas
As abondosas precipitacións con trebóns que regaron todo o país, sen case incidencia en Galicia, coincidiron co último día da operación retorno de verán, polo que a Dirección Xeral de Tráfico fixo chamamentos á prudencia, aínda que non se rexistraron problemas de tráfico importantes nas estradas da rede principal.
Si se cortaron diversas vías da rede secundaria: en Tarragona, a C-12 en Tortosa, en Castelló, en Calig; en Toledo, na N-400, na capital, en Mocejón, Villacañas, Villarroeles e Villasequilla; en Sevilla, no Acebuchal; e en Cádiz, en Torrecera.
Efectos na circulación ferroviaria
As condicións meteorolóxicas obrigaron a suspender o servizo ferroviario no corredor mediterráneo desde as distintas orixes, polo que os trens se desviaron desde Valencia e Alacant vía Madrid cara a Barcelona e desde Figueres, tamén van vía Madrid. Renfe, informa de que ante a situación atmosférica, con choivas torrenciais que provocaron inundacións en varias localidades españolas, os viaxeiros poden anular ou cambiar o billete sen gastos se deciden non viaxar este domingo. A circulación dos trens de longa e media distancia da liña AVE Madrid-Andalucía, que quedou interrompida entre La Sagra e Yeles, na provincia de Toledo, restableceuse ás 19:00 horas, aínda que se calcula un atraso medio dunhas dúas horas.
A interrupción afectou ao AVE Málaga-Madrid (estacionado en La Sagra) e ao Avant Madrid-Toledo. Está suspendido, ademais, o servizo Avant Madrid-Cidade Real-Puertollano e Madrid-Toledo, para o que non hai medios alternativos, e o AVE Barcelona-Sevilla quedará suprimido en Zaragoza. Vaise restablecendo a circulación de todos os servizos, excepto o Avant Madrid-Toledo, segundo informa Renfe.
A Dana nos aeroportos
A xornada na rede de aeroportos nacionais transcorreu con demoras e atrasos nalgúns voos, principalmente no aeroporto de Madrid. Estas demoras producíronse polas regulacións establecidas por control de tráfico aéreo, que espazan os voos por razóns de seguridade.
A situación afectoulles tanto a saídas como a chegadas en toda a rede polas complicacións en Baraxas.
Por comunidades autónomas
En Valencia pechouse parcialmente o porto desde as 15:48 horas, o que implica a prohibición de entrada de embarcacións a porto, fóra dos transbordadores, informou o Centro de Coordinación de Emerxencias da Generalitat. Tamén nesta rexión se produciron rescates a persoas que quedaran atrapadas nos seus vehículos, e resolvéronse outras incidencias como caídas de árbores, conatos de incendios por raios ou achiques.
En Cataluña, os bombeiros rescataron sans e salvas doce persoas, dez delas atrapadas nos seus vehículos en zonas asolagadas, debido ás choivas torrenciais na zona do Delta do Ebro, que tamén danaron 18 edificios, sen risco de colapso, e 13 infraestruturas, como paseos, estradas e pontes.
O xefe de intervención dos bombeiros, o inspector Oriol Corbella, destacou que neste episodio de choivas, que xa remitiu na comunidade, non houbo danos persoais e que os equipos de emerxencia seguen traballando para tentar que esta noite se poida normalizar a situación.
En Aragón, a DANA deixou rúas asolagadas nas localidades zaragozanas de Tauste, Gallur e Pedrola, onde cinco persoas quedaron illadas en dúas vivendas polos estragos causados polas choivas.
En Castela-A Mancha a Garda Civil rescatou en Cuenca unha muller que quedara atrapada na súa vivenda en Buenache de Alarcón, onde a auga superou o metro e medio de altura. O 112 contabilizou máis de 200 incidencias, sobre todo en Toledo baixo o aviso vermello. O alcalde de Toledo advertiulles aos cidadáns que a situación era "complicada" e pediu a máxima precaución ante a situación de emerxencia.
En Castela e León, o Concello de Ávila decidiu pechar os accesos ao adarve da muralla "por motivos de seguridade", mentres que se suspendeu o último festexo taurino da feira de Palencia e aprazouse o de Valladolid.
Nas Baleares causou ata as 19:30 horas deste domingo 90 incidentes leves, sobre todo por caídas de árbores e ramas sobre edificios e vehículos, ademais de persoas feridas leves ao ser golpeadas por obxectos arrastrados polo vento, que foron atendidos polo centro de coordinación de emerxencias 112.
A maioría producíronse en Mallorca, con 51 incidentes, seguido da illa de Eivisa, con 31 emerxencias; Formentera, con cinco incidentes; e Menorca, con tres.
En Estremadura, a cidade máis afectada polas tormentas foi Mérida, onde os bombeiros do parque municipal non deron abasto para achicar auga e retirar ramas en distintos puntos da cidade.