O temporal provocou incidencias en varias estradas de Mondoñedo
O temporal provocou incidencias en varias estradas de Mondoñedo
Desprendeuse parte dunha pista en Argomoso e abriuse unha focha en Santa María Maior
A intensa chuvia das últimas xornadas abriu buratos de gran tamaño en varias estradas de Mondoñedo. O máis grande rexistrouse na parroquia de Argomoso, onde se desprendeu parte da pista que une os lugares de Maariz e Supena.
Para evitar accidentes, en especial pola noite, Protección Civil precintou a zona onde se produciu o desprendemento. Polo mesmo motivo, os camións non deben circular por esa estrada.
A de Supena é a veciñanza máis afectada por esta incidencia. Aseguran que agora teñen que dar un rodeo para se desprazaren ata Mondoñedo, polo que lles leva o dobre de distancia. Piden, por tanto, que se arranxe a pista canto antes.
O temporal tamén abriu unha focha de grandes dimensións na parroquia mindoniense de Santa María Maior. A través do burato mesmo pode verse como corre a auga por debaixo do firme.