Publicador de contidos
Publicador de contidos

O temporal remite e fai baixar o nivel dos seis ríos en alerta por risco de inundación

O temporal remite e fai baixar o nivel dos seis ríos en alerta por risco de inundación

A montaña lucense volve á normalidade tras a maior nevada do ano

O paso por estrada en Pedrafita está despexado e só se recomenda precaución na nacional de ingreso a Galicia

Regresa a calma pero só por dous días 

G24.gal 27/02/2024 11:52 Última actualización 27/02/2024 17:55

Os efectos do temporal remitiron nas últimas horas en Galicia, cun descenso no volume de precipitacións que favoreceu a baixada no nivel de caudal dos seis ríos en alerta por risco de inundación.

Aínda que continúa en seguimento, descendeu o caudal do río Ladra ao seu paso polos municipios lugueses de Vilalba, Begonte e Guitiriz, onde deixara inundacións na xornada do luns tras a intensa choiva do domingo.

En Vilalba, a enchente do Madalena, afluente do Ladra, provocou o peche do paseo fluvial, que continúa acordoado por precaución.

En Lugo, onde concello e Policía Local decidiron pechar determinadas zonas da marxe do Miño, que tamén viu como baixaba o seu nivel grazas ao cesamento da choiva.

Con todo, mantén clausurado o tramo entre o balneario e a ponte branca por motivos de precaución á espera de que continúe en descenso o caudal, que baixou en máis de 30 centímetros nas últimas 24 horas.

Tampouco se produciron inundacións no Mandeo e o Mendo ao seu paso polos concellos en Betanzos e Paderne, nin no Landro en Viveiro ou o Ouro en Foz e Alfoz. Todos eles continúan á primeira hora deste martes en alerta por risco de inundación.

A neve non causa grandes atrancos

Despois dun luns en que as nevaradas causaron problemas nas estradas das zonas de montaña de Lugo e Ourense, este martes unicamente recoméndase precaución na estrada nacional paralela á A-6 que dá acceso a Galicia desde o Bierzo.

Alí, segundo trasladou a DXT, están prohibidos os adiantamentos pola acumulación de neve na vía, pero a circulación está normalizada.

A neve e o xeo que cubriron as pistas de alta montaña provocaron de novo problemas co transporte escolar. Por esta razón, boa parte do alumnado dos centros afectados non puido acudir ás aulas.

Benjamín Longarela, director do CPI Uxío Novoneyra, explicaba que "pola mañá as familias informaron de que xa non nevaba pero que había moita xeada. Entón, o transporte non puido facer as rutas completas. A afluencia da rapazada está hoxe máis ou menos ao 40 por cento".

Tras a maior nevada do ano, a cota de neve ascendeu ata os mil metros nun día en que volveu lucir o sol.

Menos vento e menor ondada

A remisión da borrasca nótase nos datos recollidos por Meteogalicia, que unicamente captaron un refacho de vento superior ao 90 km/h. Foi ás 04:50 horas en Manzaneda, onde se alcanzaron o 130 km/h.

Na costa, as condicións meteorolóxicas tamén se suavizaron, cun descenso da altura na ondada (picos de 4 metros en Sisargas e de menos de 3 no litoral coruñés e do sur de Pontevedra), e ventos por baixo do 70 km/h en Cedeira ou a propia cidade herculina.

Con todo, os termómetros experimentaron un descenso, con varios puntos da comunidade en temperaturas mínimas que rozaron os 0 graos, limiar que se rebaixou en puntos altos como Xares (-5,4ºC) ou Cabeza de Manzaneda (-5,2ºC)

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade