Publicador de contidos
Publicador de contidos

Polo menos 50 mortos e case 50.000 evacuados tras o terremoto do Xapón

Polo menos 50 mortos e case 50.000 evacuados tras o terremoto do Xapón

Cren que na cidade de Wajima, a 500 quilómetros de Toquio, pode haber xente atrapada baixo os restos de 14 edificios

G24.gal 02/01/2024 08:17 Última actualización 02/01/2024 20:59

Continúa subindo o número de mortos despois do tremor de magnitude 7,6 que este luns golpeou a costa occidental do Xapón. Xa son polo menos 50 os falecidos, e continúan os labores de rescate e a busca de persoas baixo os cascallos.

As autoridades piden prudencia porque está a aumentar o risco de derruba de casas e corrementos de terra. Preto de 50.000 persoas permanecen evacuadas e máis de 30.000 fogares continúan sen electricidade.

En Wajima, preto do epicentro, caeron 25 edificios, e cren os bombeiros que pode haber xente atrapada entre os cascallos de 14 deses edificios.

Entre os falecidos hai 19 vítimas na cidade de Wajima, 20 en Suzu, 5 en Nanao, 2 en Anamizu, 1 en Hakui e 1 en Shiga, segundo as autoridades da prefectura, que sufriu importantes danos estruturais e incendios.

En cada unha destas cidades, decenas de persoas foron levadas ao hospital e aínda proseguen as tarefas de rescate, polo que se espera que a cifra de falecidos se incremente nas próximas horas.

As imaxes tomadas pola emisora pública NHK este martes pola mañá mostraron un edificio de sete pisos derrubado e fume elevándose nunha zona central de Wajima coñecida polo seu mercado matutino.

Na prefectura de Ishikawa produciuse un incendio que afectou máis de 200 estruturas e que persiste nalgunhas zonas, aínda que son escasas as posibilidades de que se propague máis, segundo funcionarios.

O primeiro ministro xaponés, Fumio Kishida, nunha conferencia de prensa, este martes á mañá, dixo que el mesmo estará ao mando da xestión do desastre: "Serei o director xeral, mobilizarei as Forzas de Autodefensa, a Garda Costeira do Xapón, os bombeiros e a policía".

O mandatario asegurou que está a ser extremadamente difícil o que os vehículos poidan acceder ás áreas no norte da península de Noto e que o Goberno enviou xa subministracións por barco.

O líder o Executivo xaponés pediu aos residentes das zonas afectadas "que actúen con seguridade", pois "está a aumentar o risco de derrubes de casas e corrementos de terra nos puntos onde os tremores foron fortes".

Ao redor de 1.000 efectivos das Forzas de Autodefensa xaponesas participan nas operacións de rescate e ás 9:30 hora local de hoxe, máis de 46.000 persoas permanecen evacuadas nas prefecturas de Ishikawa e Toyama.

O número de fogares sen luz, principalmente en Ishikawa, fíxase de momento en decenas de miles.

Por fortuna, as subidas do nivel do mar detectadas en distintas localidades xaponesas, e mesmo na veciña Corea do Sur, non causaron danos importantes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade