A ría de Ribadeo, e agora tamén do Eo, separa aínda máis Galicia de Asturias
A ría de Ribadeo, e agora tamén do Eo, separa aínda máis Galicia de Asturias
O Instituto Xeográfico Nacional concede a cooficialidade ao topómimo ría do Eo
O Principado di que a decisión dá resposta a unha demanda do Goberno de Asturias
Ribadeo anuncia un recurso contra a decisión e pide que se unan a Xunta e a Deputación
O Instituto Xeográfico Nacional recoñeceu o topónimo ría do Eo como nome alternativo e co mesmo nivel de oficialidade que o de ría de Ribadeo para o esteiro que separa Galicia e Asturias.
Este xoves o Instituto Xeográfico comunicoulle ao Principado esta resolución tras efectuar o procedemento administrativo para oficializar a nova denominación ante as administracións interesadas: o Goberno de Asturias, a Xunta de Galicia e os concellos de Castropol, Ribadeo e A Veiga.
A resolución manifesta que "supoñerá a inclusión de ambos os topónimos en todas as bases de datos xeográficas producidas polas administracións públicas integradas no Sistema Cartográfico Nacional e, en todo caso, nas da Administración Xeral do Estado".
Ademais, recomendarase a rotulación conxunta ría de Ribadeo e ría do Eo ou ben o uso indistinto de calquera de ambas as formas se o considera a administración produtora da cartografía.
O Principado destaca nun comunicado que a oficialización do topónimo ría do Eo dá resposta a unha demanda do Goberno de Asturias, que veu defendendo esta denominación, cuxo uso aparece rexistrado xa en documentos oficiais desde 1871, o que testemuña "un considerable grao de utilización no século XIX".
Ribadeo pide unión para defender o topónimo da ría
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, espera que “a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia” vaian “da man” co Concello “para defender o criterio científico, histórico e xurídico, avalado por todas as institucións, a nivel galego e estatal, que de forma contundente e con argumentos absolutamente obxectivos defenderon a oficialidade do topónimo ría de Ribadeo”.
O rexedor local tamén anunciou que recorrerá a decisión do Instituto Xeográfico Nacional. “É sorprendente que na resolución non se analicen as nosas alegacións. Nesas alegacións mostramos irrefutables argumentos na defensa do topónimo de ría de Ribadeo como único oficial posible”, asegurou.
Esas alegacións, explicou, “acreditan, entre outros aspectos, o uso histórico do topónimo ría de Ribadeo e a realidade de que o topónimo ría do Eo é recente e propia de rexistros que non lle poden outorgar oficialidade”.
De feito, o alcalde estima que “con esta resolución dá a sensación de que eses argumentos nin sequera foron tidos en conta”.
Por iso, cando chegue ao Concello de Ribadeo a comunicación oficial da proposta de resolución, iniciaranse os trámites para presentar “os recursos que procedan”.