Publicador de contidos
Publicador de contidos

O TSXG anula a sentenza que absolveu o mozo de Nerea Añel

O TSXG anula a sentenza que absolveu o mozo de Nerea Añel

O Alto Tribunal declarouna nula por contradicir o veredicto do xurado, que o declarara culpable de homicidio por omisión

A Sala do Civil e Penal ordena que se dite outra resolución conforme o veredicto de culpabilidade emitido polo xurado

G24.gal 19/06/2024 11:32 Última actualización 19/06/2024 12:28

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou nula, por alcanzar “unha conclusión diferente á emitida polos xurados”, a sentenza en que a Audiencia Provincial de Ourense absolveu dos delitos de homicidio consumado e de homicidio por comisión por omisión ao acusado de matar, en xaneiro de 2020 na localidade de Barbadás, á súa parella, Nerea Añel. O corpo da moza foi localizado oito meses despois no leito dun río.

A Sala do Civil e Penal ordenou que se retrotraian as actuacións ao momento anterior a ditarse a resolución, a fin de que se dite outra, de conformidade co veredicto de culpabilidade emitido polo xurado, que entendeu que o falecemento da vítima se produciu pola omisión de auxilio do investigado.

No xuízo celebrado na Audiencia Provincial ourensá a finais do pasado mes de febreiro, o xurado popular, formado por nove cidadáns, declarou ao acusado, parella da vítima, culpable dun delito de homicidio por omisión.

Os xurados consideraron probado que el estaba con Nerea a noite que ela desapareceu e, en concreto, que estaba con ela no momento no que sufriu unha caída e non prestoulle auxilio.

Con todo, a Audiencia Provincial contradixo o veredicto do xurado popular, de maneira que absolveu o acusado porque "non se pode determinar se a prestación de asistencia médica evitase a morte", polo que non vían probado o delito de homicidio por omisión.

Fiscalía e acusación particular, que exerce a nai da vítima, pediron ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que se revogase o fallo. A apelación pola absolución do acusado pola morte de Nerea Añel chegou ao TSXG o pasado 9 de xuño.

“Non se pode alterar o verdadeiro sentido da declaración efectuada polo xurado", di o TSXG

Tras esta vista, o TSXG emitiu este mércores a sentenza. Os maxistrados do alto tribunal galego destacan que “non se pode alterar o verdadeiro sentido da declaración efectuada polo xurado, pois o veredicto emitido polos xuíces leigos, como expresión da súa vontade, é o que constitúe a base intanxible sobre a que os xuíces profesionais deben realizar a cualificación xurídica dos feitos axuizados”.

A Sala explica que, de acordo con a Lei Orgánica do Tribunal do Xurado (LOTX), “a única posibilidade que ten ao seu alcance o maxistrado, se advertise que o xuízo de inferencia sobre os elementos obxectivos do tipo delituoso ou dunha circunstancia agravante realizado polo xurado é contraditorio cos pronunciamentos relativos aos elementos obxectivos en que aquel deba fundarse, é a devolución do mesmo, previa explicación detida das causas que a xustifican e da forma en que deban emendarse os defectos advertidos”. 

Os xuíces do alto tribunal galego precisan que se o maxistrado consideraba que  "a explicación sobre a proba era “insuficiente ou contraditoria”, podería devolver a acta ao xurado, pero, ao non facelo, “a súa sentenza non pode desvincularse do contido do veredicto inequívoco de culpabilidade”.

A resolución é firme, pois contra ela non cabe presentar recurso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade