O TSXG concede a un empregado público 22 semanas de permiso de paternidade, igual á nai
O TSXG concede a un empregado público 22 semanas de permiso de paternidade, igual á nai
Os maxistrados ven que un artigo da lei galega de emprego público contravén a Constitución e unha directiva europea sobre conciliación
A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia concedeulle a un home, empregado público da Xunta, o gozo de seis semanas de permiso adicional, a maiores das 16 establecidas por paternidade, o que fai un total de 22, en igualdade de condicións coas nais biolóxicas.
Nun fallo emitido o pasado 6 de xuño, os maxistrados estiman un recurso de suplicación interposto por este traballador do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente da Administración autonómica, contra a sentenza de primeira instancia que desestimara a súa petición.
Así, este novo fallo do alto tribunal galego afirma que o artigo 124.1 da lei de emprego público de Galicia é contrario a unha directiva europea do ano 2019 sobre conciliación que avoga por, entre outros asuntos, unha "repartición igualitaria das responsabilidades no coidado", para o que se fan necesarias solucións legais no ámbito laboral.
Ademais, o TSXG tamén considera que o mencionado precepto da lei galega de emprego público contravén o artigo 14 da Constitución e a Lei Orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
Por iso, os maxistrados revogaron a sentenza de instancia e declarou o dereito deste traballador público a gozar, en contra do que di a normativa galega, dun permiso por nacemento de fillo doutras seis semanas de duración, que si gozaban as nais ou proxenitoras xestantes, a maiores das 16 que lle recoñeceu a Administración.
Tras coñecer esta sentenza, a CIG emitiu un comunicado no que celebra que o TSXG considere que esta diferenza recollida na lei é unha "discriminación indirecta por razón de sexo" porque deixa ás persoas dun sexo "en desvantaxe particular con respecto ás do outro".