Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Constitucional avala o decreto lei que amplía o permiso de paternidade

O Constitucional avala o decreto lei que amplía o permiso de paternidade

A norma equipara o permiso dos pais aos das nais

O Tribunal rexeita o recurso presentado polo PP contra a lei

G24.gal 21/03/2023 16:10

O Pleno do Tribunal Constitucional avalou o decreto lei 6/2019 de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación, que equiparou o permiso de paternidade ao de maternidade. O PP recorrera esta norma por non considerala de urxente necesidade.

A corte de garantías apoiou por maioría a constitucionalidade do texto, nun relatorio do presidente do tribunal, Cándido Conde-Pumpido, que destaca, en síntese, que o Goberno explicou e razoou de forma suficiente a situación de "extraordinaria e urxente necesidade" que xustifica a norma.

O PP consideraba que non se cumpría devandito requisito para realizar esta modificación lexislativa vía decreto lei. Pero a sentenza subliña que existen razóns de peso ao considerar "os resultados discretos, cando non insignificantes" alcanzados ata ese momento pola regulación legal na materia, así como a demora que se estaba producindo na realización efectiva a igualdade entre homes e mulleres, o que "esixía acción normativa inmediata" mediante a elaboración dun novo texto.

Di a sentenza que o decreto trataba de "cuestións da máxima relevancia que esixían unha acción normativa absolutamente inmediata", sen que a actuación pública orientada ao logro deses obxectivos admitise ningún atraso, nin sequera o que suporía culminar a tramitación lexislativa das proposicións de lei que estaban en curso no momento da aprobación do real decreto. Por último, a sentenza descarta que o Goberno incorrese nun uso abusivo ou arbitrario da alegación da existencia dunha situación de extraordinaria e urxente necesidade.

Voto particular

A sentenza conta co voto particular conxunto formulado polos catro maxistrados conservadores: Ricardo Enríquez, Enrique Arnaldo, César Tolosa e Concepción Espejel. Consideran que o Executivo dite normas con rango de lei debe ser unha excepción, deixando claro que "o decreto lei non é unha alternativa á lei, nin un cheque en branco, senón un remedio excepcional para supostos de extraordinaria e urxente necesidade". Por iso, entenden que "o Tribunal Constitucional non debe claudicar na función de control dos decretos leis" e "non pode confundir necesidade con conveniencia ou oportunidade política ou con extraordinaria e urxente necesidade". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade