O Constitucional anula as "medidas restritivas" da Lei de Saúde de Galicia
O Constitucional anula as "medidas restritivas" da Lei de Saúde de Galicia
A norma foi aprobada polo Parlamento para contextos de crises sanitarias
O Alto Tribunal considera que a restrición de dereitos fundamentais só pode regularse mediante lei orgánica
Con esta sentenza, o Constitucional estima parcialmente o recurso presentado por Vox contra a lei
A Xunta considera que o Constitucional "dálle a razón" en que había que cambiar a lei estatal de restricións ante unha pandemia
O Tribunal Constitucional anulou as "medidas restritivas" da Lei de Saúde de Galicia, aprobada polo Parlamento en febreiro de 2021 para contextos de crises sanitarias. A norma establece a posibilidade de adoptar medidas preventivas tales como o illamento de enfermos, o illamento domiciliario, o internamento en hospitais ou a vacinación obrigatoria. Considera o Constitucional que son dereitos fundamentais e que, polo tanto, a súa restrición só pode facerse mediante lei orgánica. Con este pronunciamento, o Tribunal estima parcialmente un recurso de Vox.
Os catro maxistrados do bloque conservador anunciaron a formulación de voto particular concorrente. A sentenza sinala que a norma galega introduce medidas restritivas da integridade persoal, a liberdade deambulatoria, a intimidade persoal, a liberdade de circulación e o dereito de reunión, que, de acordo coa Carta Magna, só poden ser establecidas a través dunha lei orgánica, pois "constitúen un desenvolvemento directo dos devanditos dereitos fundamentais".
O tribunal declara a inconstitucionalidade e nulidade da serie de medidas establecidas pola lei así como do seu réxime sancionador, "non por razón do contido das medidas", senón "polo incumprimento dun os requisitos esenciais do sistema constitucional de fontes", xa que "unha regulación deste tipo debe ser aprobada polas Cortes Xerais".
Si avala, en cambio, os fragmentos que se limitan a reproducir, con leves variacións, as medidas previstas na lei orgánica de 1986, pois "a reprodución destas normas prodúcese nun ámbito de concorrencia de competencias entre o Estado e a comunidade autónoma".
O que descartou é que "as medidas introducidas polo lexislador galego constitúan supostos de suspensión dos dereitos fundamentais reservados á declaración do estado de excepción ou o estado de sitio", tal e como sostiña Vox.
Reacción da Xunta á sentenza
A Xunta considera que a sentenza do Tribunal Constitucional que anula as restricións incluídas na Lei de Saúde "dálle a razón", porque o Goberno galego "defendeu desde o principio" que había que modificar a Lei Orgánica 3/1986 para poder implantar restricións de dereitos fundamentais en contextos de crises sanitarias.
Ao non facerse esta reforma, a Consellería de Sanidade argumenta que se viu obrigada a cambiar a normativa autonómica para poder ofrecer "garantías xurídicas" ás limitacións que habería que adoptar ante unha nova pandemia como a da covid-19.