O TSXG revisa este luns a condena a Ana Sandamil por matar a súa filla en Muimenta
O TSXG revisa este luns a condena a Ana Sandamil por matar a súa filla en Muimenta
Os maxistrados analizarán o recurso do avogado da acusada
Foi condenada a prisión permanente revisable tras ser xulgada por segunda vez
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) volverá revisar este luns 10 de xullo o recurso presentado pola defensa de Ana Sandamil contra a condena a prisión permanente revisable ditada pola Audiencia Provincial de Lugo por asasinar a súa filla, Desirée Leal, de 7 anos, en Muimenta (Cospeito, Lugo), o 3 de maio de 2019.
Esta é a segunda vez que o caso chega ao TSXG, pois despois de que Sandamil fora condenada a prisión permanente revisable, de acordo co veredicto do xurado popular do primeiro xuízo, en febreiro de 2022, o alto tribunal ordenou repetir a vista oral, aínda que concluíu con idéntico resultado.
En canto aos argumentos que presentou a defensa, inciden de novo na incapacidade da nai, como consecuencia dos seus problemas mentais, para comprender o alcance dos seus actos.
Durante o segundo xuízo celebrado en abril, o xurado descartou que a muller tivese afectadas as súas facultades mentais e concluíu que matou a menor "de maneira querida e premeditada".
Así, considerou probado que, coa finalidade de acabar coa vida da súa filla, cando estaba na cama con ela, proporcionoulle un fármaco con efectos sedantes e, seguidamente, "asfixiouna coas súas propias mans, para o que puido empregar, ademais das súas mans, algún dos obxectos que había no cuarto -un coxín-", polo que a vítima, segundo a sentenza, careceu de calquera posibilidade "de reaccionar ou de defenderse" do ataque da súa nai.
O xurado, malia considerar que a acusada tiña "un trastorno de personalidade que lle afectaba á súa capacidade de relacionarse e expresarse", concluíu que, no momento dos feitos, ese trastorno "non lle impedía ter a plena capacidade para comprender e entender a ilicitude do acto axuizado".
Ademais, o tribunal cidadán entendeu acreditado que antes dos feitos Sandamil indagou enInternet "sobre os medios cos que podía acabar coa vida da súa filla", así como que cando cometeu o crime era "coñecedora da intención do pai de modificar e incrementar legalmente o réxime de visitas, co fin de que puidesen pasar máis tempo xuntos".