O Incio emprega a intelixencia artificial para detectar as fugas na traída
O Incio emprega a intelixencia artificial para detectar as fugas na traída
A través do son e dos datos da IA, o operario pode saber por onde perde auga a rede
O software tamén indica as horas de tarificación máis adecuadas para realizar o bombeo
O encarecemento dos custos de bombeo, entre outros factores como o cambio climático, fan que a auga sexa cada vez un ben máis prezado. Para evitar desperdiciala, un empregado municipal do Incio decidiu facer uso dun xeófono que lle permite detectar as avarías coa maior brevidade.
A través do son da fuga e dos datos que lle achega a intelixencia artificial, o operario pode saber exactamente en que parte das tubaxes da traída se está a producir unha perda.
Miguel Valcárcel, operario municipal do Incio: "Cando aumenta o consumo de auga, sabemos que se está perdendo por algures. Polos contadores, sei en que depósito está a fuga, e co xeófono xa sei onde empezar a buscar".
O uso deste sistema, máis avanzado tecnoloxicamente, permite reparar en moito menos tempo as avarías na rede de subministración de auga. Desta forma, conséguese mellorar a calidade do servizo e, de paso, rebaixar os custos para as administracións locais.
Miguel Valcárcel, operario municipal do Incio: "O último caso foi no lugar de Godral. O programa mandoume un aviso a primeira hora da mañá e ao mediodía xa estaba reparada a avaría".
Ademais de evitar o malgasto de auga nas fugas, o software empregado tamén indica cales son as horas de tarificación máis adecuadas para realizar o bombeo. Polo tanto, o investimento requirido para implantar o novo sistema axiña foi amortizado.