Publicador de contidos
Publicador de contidos

O vídeo de Borja Iglesias que pon a homofobia fronte ao espello

O vídeo de Borja Iglesias que pon a homofobia fronte ao espello

O futbolista compostelán protagoniza unha campaña en Twitter en defensa dos homosexuais

G24.gal 27/06/2023 17:19 Última actualización 27/06/2023 17:27

O futbolista compostelán do Betis Borja Iglesias protagoniza unha campaña en Twitter en defensa dos homosexuais.

Nel declárase heterosexual e simula que ese anuncio suscita unha gran repercusión social, para concluílo coa frase: "A que isto xamais pasaría?, e por que o outro si?".

O chío iníciase coa declaración de xogador (Santiago de Compostela, 1993) en que sinala, "Ola, son Borja e son heterosexual", e tamén insere o dato de que "en 2022 a cifra de agresións contra a orientación sexual incrementouse un 70 %", ao que se engade: "A min non me agriden por ser heterosexual. Por iso, máis que nunca, moito orgullo".

Hai un par de semanas, o extremo Aitor Ruibal e o propio Borja Iglesias denunciaron a través das redes sociais que recibiran insultos de corte homófobo polas súas vestimentas nunha voda á que asistiron en Sevilla.

"Tras os intentos frustrados por parte dunha minoría ruidosa de ridiculizar o meu compañeiro Borja Iglesias e a min, en referencia á nosa vestimenta así como á súa suposta vinculación coa nosa orientación sexual', Ruibal subliñou "a importancia de manter o respecto cara a calquera persoa, con independencia da súa orientación sexual ou de calquera índole".

Na súa conta de Twitter, o centrocampista verde e branco avogou entón "pola necesidade, dunha vez por todas, de normalizar e convivir entre todos rexeitando e afastándonos de calquera tipo de fobia, para facer que se poida convivir con normalidade na nosa sociedade", e condenou "a homofobia que, evidentemente, segue existindo en maior ou menor medida".

"Aqueles que a estas alturas continúan mostrando comportamentos deste tipo necesitan axuda de maneira urxente. O problema téñeno eles pola súa intolerancia e os seus complexos", asegurou o interior catalán, quen foi secundado por Borja Iglesias na mesma rede social cun "Bravo, irmán".

Para o dianteiro bético, pola súa banda, "cada vez que suceden este tipo de situacións en referencia ás fobias que aínda existen", danlle "forza para seguir pelexando para que cada un faga e goce consigo e cos demais como lle dea a real gana", publicou no seu día.

"E aos que estades aínda na prehistoria mándovos moito ánimo, ten que ser moi difícil non evolucionar e seguir condicionándose a un mesmo en lugar de gozar do preciosa que é a vida", subliñou o Panda tras o suscitado hai dúas semanas tras a citada voda á que asistiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade