O comisario do caso Samuel Luiz: "Espero que os culpables reciban penas exemplares"
O comisario do caso Samuel Luiz: "Espero que os culpables reciban penas exemplares"
O xuízo polo asasinato do mozo na Coruña en 2021 comeza o 16 de outubro
O fiscal pide de 22 a 25 anos de cadea para os cinco acusados, coa agravante da homofobia
Pedro Aguado dirixiu hai 3 anos a investigación polo asasinato de Samuel Luiz. O seu traballo é a base do xuízo que comeza o vindeiro 16 de outubro contra os 5 sospeitosos da súa morte.
O exxefe da Brigada da Policía Xudicial da Coruña espera que "a xustiza actúe e as penas sexan exemplares, porque é o que merecen".
Foi unha investigación rápida: en catro días estaban detidos 4 dos 5 acusados que van sentar no banco. "Foi rápido porque tiñamos testemuñas e a investigación estaba viva. Tiñamos 52, e tiñamos testificais das dúas partes, e isto deunos unha pista moi importante", explica Aguado.
A morte do mozo de 24 anos tras recibir unha malleira no paseo marítimo de Riazor estremeceu a sociedade galega, unha conmoción á que os propios investigadores non foron alleos.
O excomisario relata como traballaban “17, 18 horas ao día. O xefe do grupo colleu do estrés un herpes. Como dixo o pai, 'fixeches canto puideches, comisario, pero non puideches devolverlle a vida ao meu fillo".
Ademais da brutalidade da malleira, o nesgo homófobo do asasinato é a outra clave do caso, unha compoñente que o comisario se esforzou por deixar patente nas súas conclusións: "O que fixemos é, os indicadores de polarización relacionados co que pode ser odio, homofobia, etcétera, localizalos no atestado", conta Aguado.
Será o xuíz quen finalmente determine, en caso de sentenza condenatoria, se aquel crime foi un delito de odio como pide a acusación particular, ou se a homofobia foi unha agravante como sostén a fiscalía.