Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Villa de Pitanxo, multado dúas veces por irregularidades na pesca de fletán negro

O Villa de Pitanxo, multado dúas veces por irregularidades na pesca de fletán negro

As dúas sancións son de 2020 e de 2017 e achéganse aos 300.000 euros

As sancións foron, entre outros motivos, por ter o peixe nunha adega oculta no barco, non rexistrar esas capturas no diario de a bordo ou non enviar a posición do arrastreiro

G24.gal 02/03/2022 17:23

O Villa de Pitanxo, o arrastreiro que naufragou en augas de Terra Nova o pasado 15 de febreiro, foi sancionado, segundo informa a Axencia EFE,  en dúas ocasións polas autoridades españolas por infrinxir a lei na pesca do fletán negro. As sancións, constan en senllas sentenzas que a Audiencia Nacional confirmou nos anos 2017 e 2020.

Sanción en 2020 por ter unha adega oculta

A resolución máis recente, data de xullo de 2020 e refírese ás infraccións graves detectadas catro anos antes, en 2016, á Lei de pesca marítima. Nela, a Sala do Contencioso da Audiencia Nacional confirma a sentenza dun xulgado de Madrid e as resolucións do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente que impuxeron ao patrón do barco seis sancións por un total de 162.000 euros.

Segundo consta na sentenza, os inspectores comprobaron a existencia dunha adega oculta no barco, onde acharon 26.788 quilos de fletán negro embolsado e sen etiquetar, peixe que foi incautado polas autoridades.

As sancións inclúen unha multa de 60.000 euros por unha infracción de eliminación, alteración, ocultación ou encubrimento de probas que puidesen obterse no transcurso dos labores ou procedementos de control e inspección. Ademais, os responsables do Villa de Pitanxo víronse obrigados a aboar outros 40.000 euros por non enviar as posicións en que se movía o barco e 40.000 euros máis por non rexistrar no diario de a bordo as capturas do fletán que estaba oculto.

Sanción en 2017  por "alteración intencionada" da clasificación de capturas

Á sentenza de 2020 súmase unha sentenza xudicial previa, de outubro de 2017, relativa a outras irregularidades detectadas noutra inspección realizada en 2013. Nese momento, os inspectores detectaron unha "alteración intencionada" da clasificación de capturas de dúas filas de caixas de fletán negro para facelas pasar por capturas de raias, excedendo así a cantidade declarada no diario de pesca. Neste caso, as sancións impostas á armadora do Villa de Pitanxo tamén superaron os 100.000 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade