As vixentes campioas acaban de primeiras coa aventura copeira do Baxi Ferrol
As vixentes campioas acaban de primeiras coa aventura copeira do Baxi Ferrol
O cadro ferrolán caeu con claridade diante de Zaragoza por 75-49
A aventura copeira do Baxi Ferrol rematou ás primeiras de cambio. Foi unha sorpresa que se metese entre as oito elixidas para estar na Copa da Raíña e o Casademont Zaragoza amosoulle a esixencia do evento cun claro resultado de 75-49.
O primeiro cuarto foi o intre no que as de Lino López estiveron metidas no partido. Un bo inicio permitiulle manter a secuencia anotadora do Zaragoza e rematar os dez minutos iniciais cun 23-16. Pero o parcial de 8-0 no comezo do segundo cuarto (31-16) marcou unha tendencia que foi irreversible. As tiradoras ferrolás non atopaban o aro (0/7 nas triplas no primeiro tempo) e ao descanso a diferenza era clara (41-27).
No terceiro cuarto non fixo máis que aumentar ata irse por riba dos vinte puntos (61-38) e no derradeiro período o Zaragoza aproveitou para dosificar as súas xogadoras máis importantes mirando cara as semifinais que mañá xogarán diante do Perfumerías Avenida.
Gala Mestres con 11 puntos foi a máxima anotadora das galegas e Claudia Soriano a que achegou máis intensidade con 8 puntos e 5 roubos. Nas triplas acabou o Baxi cun paupérrimo 1/16.