O volcán da Palma segue sen actividade
O volcán da Palma segue sen actividade
Tras tres meses de ruído e tremores na illa da Palma, volveu o silencio
Amence un novo día na Palma sen sinal de tremor volcánico, non hai emisión de lava nin expulsión de piroclastos, a sismicidade segue baixa, a deformación estable e as emisións de dióxido de xofre están nun nivel extremadamente baixo. A lectura destes parámetros é concluínte, aínda que esixe cautela.
Algúns destes indicadores xa levan varios días á baixa, o cal sinalaría unha tendencia. Tras tres meses de ruído e tremores na illa da Palma, volveu o silencio.
O Pevolca explicou que, se a tendencia continúa, os veciños desaloxados poderán regresar ás súas casas, inda que non inmediatamente, senón cando se constate que é seguro. Piden máxima precaución aos que se achegan nas zonas de exclusión.
Polo demais, comezou a montaxe das primeiras casas prefabricadas adquiridas polo Cabido insular para os afectados polo volcán, que está previsto que se entreguen en xaneiro.