O xigante danés do transporte de mercadorías Maersk mira a Galicia, por María Cadaval
O xigante danés do transporte de mercadorías Maersk mira a Galicia, por María Cadaval
Acaba de darse a coñecer que Galicia será un dos dous lugares elixidos por Maersk en España para a súa produción de metanol verde, unha aposta pola descarbonización da súa frota.
Os grandes buques de transporte adoitan utilizar o fuel óleo como combustible, e é o búnker 6 o tipo mais utilizado, unha fracción de petróleo moi contaminante dado o seu alto contido en xofre. As súas emisións son grandes xeradoras de gases de efecto invernadoiro, coma o CO₂; estímase que até un 14 % do total dos gases contaminantes que se emiten no mundo. O cambio na normativa internacional está obrigando as navieiras a buscar alternativas con menor impacto ambiental. Unha das opcións que se está a experimentar é o metanol, un alcohol metílico, que para que leve o apelido verde precisa de dous ingredientes: hidróxeno verde (producido por electrólise a través de enerxías renovables) e CO₂ bioxénico, que en moitos casos se captura directamente das plantas de biomasa ou directamente da atmosfera. Nestas dúas frontes, Galicia ten todas as trazas para ser referente español e tamén europeo.
Segundo varios estudos, o metanol ten vantaxes fronte a outros combustibles que se están a probar para o transporte marítimo alternativo ao fuel óleo, en comparación co gas natural licuado ou o amoníaco. É doado de manipular, ten fácil almacenamento e o abastecemento para os buques faríase de xeito semellante ao que xa existe a día hoxe nos portos. De feito, xa hai varios modelos de motores que poden funcionar con fuel óleo e metanol de xeito alternativo, con bos resultados de proba.
A empresa danesa moveu ficha para desenvolver en España dous dos seus principais centros de produción mundial de e-metanol co obxectivo de descarbonizar a súa frota. Investirá mais de 10.000 millóns de euros en Andalucía e en Galicia e, de xeito novidoso, podería ser que o Estado entrase cunha participación no capital desta actividade. Desta maneira, sería o segundo núcleo de fabricación de metanol, tras o de Exipto que xa anunciara a principios de ano. A enerxía necesaria para a transformación no proceso da electrólise coa que se xera o hidróxeno verde será producida probablemente por enerxía eólica impulsada por Maersk, para o que precisará mais dunha ducia de novos parques.
Todo parece apuntar a que Langosteira poida ser o destino de miles de millóns de euros (10.000 entre as dúas plantas), que se van desembolsar até 2030 para a produción da enerxía renovable e a construción de parques até chegar a unha potencia de 4 GW, que utilizarán para a alimentación das plantas de produción de metanol. Nun primeiro momento, prevese producir arredor de 200.000 toneladas, un millón en 2027 e mais de dous millóns no 2030. Tres fases en que o goberno estima que se poderían crear 85.000 postos de traballo para Galicia e Andalucía, 5.000 dos cales serían directos, 40.000 indirectos e outros tantos para a construción. Deste xeito, Galicia podería converterse nun dos grandes hubs mundiais da produción do combustible dos buques do futuro.
A letra está aínda por escribir, mais a música soa ben.
María Cadaval
Profesora Economía Aplicada da USC