Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xuíz aclara que hai máis contratos polos que Begoña Gómez debe seguir investigada

O xuíz aclara que hai máis contratos polos que Begoña Gómez debe seguir investigada

Peinado expón que "os feitos obxecto de investigación son todos os actos, condutas e comportamentos que se levaron a cabo pola investigada desde que o seu esposo é o presidente do Goberno de España que se conteñen na denuncia inicial"

O maxistrado non concreta cales son os novos contratos investigados, pero deberá informar a Begoña Gómez na súa primeira comparecencia, prevista para o 5 de xullo

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a súa dona, Begoña Gómez, nos actos polo X aniversario do reinado de Filipe VI, o pasado 19 de xuño en Madrid (Diego Radamés / Europa Press). O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a súa dona, Begoña Gómez, nos actos polo X aniversario do reinado de Filipe VI, o pasado 19 de xuño en Madrid (Diego Radamés / Europa Press).
G24.gal 02/07/2024 11:52

O xuíz Juan Carlos Peinado aclarou nun auto que "só" enviou á Fiscalía Europea tres contratos públicos adxudicados ao empresario Juan Carlos Barrabés, pero que hai máis contratacións das que resultou beneficiario e polas que Begoña Gómez, esposa do presidente do Goberno, debe seguir investigada.

O maxistrado aceptou delimitar, a pedimento da defensa de Gómez e da Fiscalía de Madrid, que feitos son os que investiga na causa aberta contra ela por presunto tráfico de influencias e corrupción no sector privado, despois de aceptar a petición da Fiscalía Europea de enviarlle parte do procedemento.

Peinado non especifica no seu auto ningún dos contratos polos que di que Begoña Gómez segue investigada, pero concreta que "os feitos obxecto de investigación son todos os actos, condutas e comportamentos que se levaron a cabo pola investigada desde que o seu esposo é o presidente do Goberno de España que se conteñen na denuncia inicial", con exclusión dos tres que enviou á Fiscalía Europea.

Son tres adxudicacións da empresa pública Red.es á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Innova Next e Escola de Negocios The Valley, que estaban financiados con fondos europeos.

Peinado di que hai máis contratos adxudicados a Barrabés, pero non concreta cales son

Pero estes, subliña o titular do Xulgado de Instrución 41 de Madrid, "non son todos os adxudicados" a Barrabés e tampouco todos os que se lle concederon "foron financiados con fondos europeos", de modo que deben seguir investigándose no xulgado.

E, aínda que lembra que a Audiencia Provincial de Madrid limitou nun auto que feitos "eran merecedores de ser investigados", non tivo en conta que despois de dita resolución o maxistrado admitiu a trámite unha querela interposta pola asociación ultracatólica Hazteoír, que pediu investigar "novos feitos", que o xuíz tampouco precisa.

Esa resolución da Audiencia avalou que se investigasen as adxudicacións obtidas por Barrabés do ente Red.es en 2021 “gañando a ofertas económicas máis atractivas” e a quen, “ao parecer”, recomendou “por carta” Begoña Gómez como codirectora dun máster universitario en que participaba este empresario.

Ademais, recentemente, o maxistrado pediu información sobre posibles irregularidades noutras adxudicacións de Red.es, o Consello Superior de Deportes (CSD) e o Concello de Madrid ás empresas de Barrabés.

O maxistrado fai fincapé en que no seu xulgado sempre se tratou de "evitar que se poida producir indefensión" e, co obxectivo de que "non se poida interpretar con dúbidas, parcial ou subxectivamente", reitera que a Begoña Gómez se investiga por "todos os actos, condutas e comportamentos, que se levaron a cabo, pola investigada, desde que o seu esposo é o Presidente do Goberno".

Agora ben, aclara, que estes feitos están "limitados" aos que expoñía o autodenominado sindicato Manos Limpas na súa denuncia inicial, baseada en informacións polas que xa foron preguntados os responsables de dous medios de comunicación nas súas testificais "a fin de evitar unha investigación prospectiva".

Begoña Gómez comparecerá perante o xuíz o vindeiro 5 de xullo

En calquera caso, precisa que a lei establece que o xuíz debe informar á investigada na súa primeira comparecencia, é dicir, o vindeiro venres. Un precepto legal, incide, que a defensa de Gómez "omite" no seu escrito, aínda que estima que, "seguramente" non se trate de algo deliberado ou por ignorancia, "senón por esquecemento involuntario". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade