Publicador de contidos
Publicador de contidos

Preséntase nas Palmas o Heroínas de Sálvora, o maior buque de Salvamento Marítimo

Preséntase nas Palmas o Heroínas de Sálvora, o maior buque de Salvamento Marítimo

É o primeiro buque civil do mundo pensado para operacións con drons

Leva o seu nome en honra a catro mulleres galegas que rescataron unhas 60 persoas do mar preto desta illa nos anos 20 do século pasado

Buque Heroínas de Sálvora (EFE/Ángel Medina G.) Buque Heroínas de Sálvora (EFE/Ángel Medina G.)
G24.gal 05/07/2024 15:51

Salvamento Marítimo presentou este venres nas Palmas de Gran Canaria o primeiro buque civil de salvamento e rescate do mundo que se construíu pensando en facer operacións con drons. O seu nome é Heroínas de Sálvora, en referencia a catro mulleres galegas. Conta con 82 metros de eslora e capaz de remolcar ata 213 toneladas.

O buque remolcador convértese así no maior da frota de Salvamento Marítimo, pero tamén no máis moderno, con novas tecnoloxías que se utilizaron para dotalo dunha maior eficiencia na navegación, maiores facilidades e distintos modos de operatividade que pretenden contribuír a un incremento na eficiencia enerxética.

O Heroínas de Sálvora, que recibe este nome en honra a catro mulleres que nos anos 20 do século pasado rescataron unhas 60 persoas coa súa pequena barca dun naufraxio na costa de Ribeira, dedicarase a salvagardar a vida e os bens de quen sae ao mar, pero tamén se poderá empregar en análise ambiental e na loita contra incendios marítimos.

Durante a presentación do buque, o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, explicou que ten unhas características "únicas" que fan que o barco sexa "un orgullo" para España, destacando entre elas que é o primeiro do mundo deseñado para operar con drons.

53 millóns de investimento

O Goberno de España investiu 53,6 millóns de euros na súa construción, que levou a cabo nos estaleiros do grupo Zamakona en Bilbao, e Puente asegurou que o barco "vai dar un gran servizo nun país que ten tantos quilómetros de costa e nunhas illas como Canarias, nas que obviamente o mar é protagonista".

"É un barco cunha enorme capacidade para absorber verteduras que poidan chegar á mar e ademais ten as últimas tecnoloxías en todos os aspectos, tamén en materia de sustentabilidade, porque é un barco híbrido que conta tanto con motor de combustión como con eléctricos e ten uns niveis de emisións de contaminación moi baixos", sinalou o ministro.

Pola súa banda, o presidente do Goberno de Canarias, Fernando Clavijo, dixo que este é un día "grande" por dúas cuestións: primeiro, porque Salvamento estreou este novo barco "de altas capacidades" e unha serie de instrumentos "eficaces para a loita contra a contaminación e o rescate de persoas", pero tamén porque se decidiu que teña base no arquipélago.

"Hai unha ampla frota de Salvamento Marítimo nas Canarias que, desgraciadamente, está a ter que loitar cun drama humanitario que temos moi preto das nosas costas, pero tamén buques desta capacidade, que non están destinados ao rescate e salvamento destes caiucos polas súas dimensións, que en realidade con toda a súa tecnoloxía de drons van facer moitísimo máis fácil a procura, localización e salvar vidas humanas", enxalzou.

Este novo barco ten un peso bruto de preto de 4.000 toneladas, 2.700 das cales son unicamente de aceiro, e ten unha capacidade para 16 tripulantes e ata 24 técnicos e unha potencia instalada de 14.860 quilowatts, con funcións para o remolque doutros buques, rescates, medidas anticontaminación e contraincendios ou misións de apoio con persoal externo de operacións especiais.

Capaz de remolcar un coloso como o Ever Given

De feito, segundo apuntou a EFE o xefe de área de servizo de frota de unidades marítimas de Salvamento, Juan Vasco, o Heroínas de Sálvora ten un tiro a punto fixo de 213 toneladas, o que na práctica tradúcese en que pode remolcar barcos de grande envergadura, por exemplo, o portacontedores Ever Given que bloqueou a canle de Suez (Exipto) en marzo de 2021 e que provocou o caos mundial no transporte marítimo.

Polo seu interior, transitan uns 150.000 metros de cable, así como 7.600 metros de tubaxes nos distintos servizos do barco, e dispón de ata 14 modos de operación diferentes en función das necesidades que teña, o que tamén contribúe a mellorar a súa eficiencia enerxética.

Na ponte de mando conta cun novo sistema, o videomatrix, que estende as súas distintas funcionalidades ao longo das 19 pantallas coas que conta, creando unha rede de comunicacións que a tripulación pode controlar desde o cerebro do barco con suma facilidade.

Tamén conta cun sistema de comunicacións integradas, tanto de carácter interno como as que poidan realizarse ao exterior. Ten dous motores principais de 4.800 quilowatts cada un e tres auxiliares eléctricos de máis de 2.000 quilowatts cada un, así como catro hélices de manobra, outras dous principais e os dous temóns.

Posúe, á súa vez, unha helisuperficie pensada para a aterraxe de drons, entre os que se atopa un potente aparello que viaxa a bordo de tres metros de lonxitude -o iSAR 801- que pode transportar ata 30 quilos de peso e ten unha autonomía dunhas 4 ou 5 horas en operación.

Este dron pode chegar a desprazarse a 55 nós (uns 110 quilómetros por hora) e ten un alcance de 150 quilómetros. Dispón dunha antena satelital que o mantén conectado e transmitindo información tanto ao buque como aos centros de coordinación de Salvamento Marítimo ou mesmo outros barcos que participen na operación que leve a cabo.

E conta con distintos sensores e cámaras de vídeo e térmicas que poden detectar e identificar de forma automática distintos obxectos, atmosferas perigosas ou analizar as emisións dos barcos.

En definitiva, enxalzou Óscar Puente, trátase do "máis moderno barco" que tivo ata a data a sociedade estatal española, e un dos "grandes referentes" do salvamento marítimo civil no mundo.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade