O xuíz do caso Rubiales cita como testemuña o seleccionador Luis de la Fuente
O xuíz do caso Rubiales cita como testemuña o seleccionador Luis de la Fuente
Tamén cita o director de Comunicación da RFEF, Pablo García-Cuervo
O xuíz da Audiencia Nacional que investiga a Luis Rubiales por delitos de agresión sexual e coaccións á xogadora Jenni Hermoso citou a declarar como testemuñas o 20 de outubro o seleccionador nacional de fútbol Luís de la Fuente e o director de Comunicación da RFEF, Pablo García-Cuervo.
O maxistrado Francisco de Jorge sinalou para ese día as súas comparecencias e a do subdirector de comunicación da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Enrique Yunta, segundo informa a Audiencia Nacional.
Unha semana despois, o 27 de outubro, o xuíz cita como testemuñas o director de gabinete de Rubiales, José María Timón; o psicólogo da selección feminina, Javier López Vallejo, e o responsable de compliance (cumprimento normativo) da Federación, Javier Puyol.
Prosegue así o goteo de citacións no marco da investigación que xa non só se contra Rubiales, senón tamén contra algúns dos seus colaboradores: o exseleccionador feminino Jorge Vilda, o director da selección masculina, Albert Luque, e o director de Marketing da RFEF, Rubén Rivera.
Os tres foron imputados despois de que o irmán e unha amiga de Jenni Hermoso confirmasen ante o xuíz as presións que a xogadora denuncia sufrir para xustificar o bico que lle deu o seu superior na entrega de trofeos do Mundial de Australia, o 20 de agosto.
Vilda e Rivera declararán como investigados o próximo 10 de outubro, mentres que a comparecencia de Luque, que tamén estaba citado ese día, pospúxose ao 16.
Antes que eles comparecerán en calidade de testemuñas tres compañeiras de Jenni Hermoso na Selección, Alexia Putellas, Irene Paredes e Misa Rodríguez, citadas o vindeiro luns na Audiencia Nacional para dar a súa versión sobre o ocorrido.
Prosegue así a causa que naceu tras unha querela da Fiscalía contra Rubiales por delitos de agresión sexual e coaccións, despois de que a futbolista formalizase a súa denuncia contra o expresidente da RFEF e reiterase que o bico non foi consentido.