O xuízo por Diego Bello, asasinado nas Filipinas en 2020, comezará a medidados de outubro
O xuízo por Diego Bello, asasinado nas Filipinas en 2020, comezará a medidados de outubro
Hai tres policías acusados de abater o mozo coruñés e colocar probas falsas no escenario
A familia de Diego Bello, o coruñés asasinado nas Filipinas en 2020, recibía "con satisfacción" a noticia de que o vindeiro once de outubro comezaría en Manila o xuízo contra os tres policías acusados da morte do empresario. Un proceso que, porén, podería demorarse no tempo.
"Sobre un ano ou ano e medio, porque as vistas non se celebran de xeito continuo, senón que hai vistas cada mes", calcula que pode durar o proceso xudicial Guillermo Mosquera, avogado da familia de Diego Bello.
Os representantes da vítima confían en poder conseguir xustiza, malia as dificultades, xa que os tres policías acusados estiveron fuxidos da xustiza filipina durante dez meses ata que se entregaron.
"Primeiro hai que ter a sentenza en que condenen os policías; a segunda parte será vixiar que realmente cumpren esa pena que se lles pode chegar a impoñer", matiza o avogado da familia.
Diego Bello caía abatido a tiros na illa filipina de Siargao en xaneiro de 2020, supostamente nunha operación antidroga que pretendía detelo por narcotraficante. Os policías alegaron defensa propia para disparar sobre Diego. Mais a presión internacional e a da familia conseguiron desmontar a versión dos axentes, e agora están acusados de asasinato e de colocar probas falsas no lugar dos feitos.
"Esperamos que a verdade saia a relucir no xuízo. Que quede claro que estes policías asasinaron a sangue frío a Diego e que tentaron, falsificando probas, inculpalo como narcotraficante", sinala Francisco Lafuente, o tío da vítima.
Tras case catro anos da traxedia, a familia de Diego Bello confía en que os tribunais filipinos fagan xustiza coa memoria do mozo galego.