O exdirector de Enxeñería do Adif sinala responsables: o maquinista e Renfe
Alfonso Ochoa defende o cambio no proxecto da liña que eliminou o ERTMS no treito final
Para el "o erro humano superou o previsible", pero responsabiliza a Renfe de avalialo
Sobre as advertencias doutros maquinistas sobre a perigosidade da curva asegurou: "Se en lugar de charlar na cantina, o trasladasen ás comisións de seguridade farían un favor"
Alfonso Ochoa, exdirector xeral de Operacións e Enxeñería e exresponsable da Dirección Xeral de Explotación e Desenvolvemento de Infraestrutura do Adif, defendeu o cambio de proxecto que se realizou para a liña Ourense-Santiago en que se produciu o accidente do tren Alvia, que supuxo a retirada do sistema de seguridade ERTMS dos últimos quilómetros do trazado.
En calquera caso, subliñou que a modificación foi adoptada polo Ministerio de Fomento. O Adif, dixo, non pode tomar esa decisión, senón que "só pode tomala o ministerio", que é quen determina "ese tipo de decisións estratéxicas".
A decisión, segundo dixo, de que se eliminasen do proxecto dous cambiadores de ancho, nos que previsiblemente se procedería a transición do sistema ERTMS a ASFA. Ao seu xuízo, a resolución foi correcta, "non tiña sentido", asegurou, que esa liña se dotase de dous cambiadores de ancho coas "limitacións que iso impón" para o mantemento e a circulación.
"Solución natural"
Tras esta modificación, a transición do sistema ERTMS, presente na vía ata o quilómetro 80, ao ASFA, o único que quedaba ata a estación de Santiago e na curva da Grandeira, onde se produciu o descarrilamento, situouse precisamente aí, durante a circulación, algo que Ochoa ve "a solución natural". No proxecto orixinal, a transición ía nos cambiadores de ancho.
A testemuña reiterou que esta determinación non se adoptou por cuestións orzamentarias e asegurou que mesmo “complicou un pouco máis o cumprimento do prazo” para atender as modificacións respecto ao proxecto inicial.
Ademais, Ochoa defendeu a seguridade da circulación con ASFA e lembrou que no momento do sinistro eran varios os trens que circulaban baixo ese sistema.
Ao mesmo tempo sostivo que a sinalización na liña era a correcta e a habitual. Dixo ademais que lle parece máis seguro o libro horario que levan os maquinistas na cabina que os sinais, xa que "así saben exactamente a velocidade a que teñen que ir".
Alfonso Ochoa tamén apuntou que se fai control de riscos en "todos" os subsistemas que conforman a liña, aínda que limitou o referido á infraestrutura a "códigos prácticos".
En control, mando e sinalización, o subsistema dos sistemas de seguridade como o ERTMS ou o ASFA, "esíxese unha avaliación explícita dos riscos", subliñou, "pola especificidade das solucións", xa que "se deseña ad hoc para cada liña" e "para estudalas con precisión esíxese unha avaliación explícita".
"Nalgún outro subsistema?", preguntoulle o letrado, ao que contestou que "nese momento non". Neste sentido, tamén sinalou que "non" se esixía unha avaliación explícita de risco antes da posta en servizo ou para a integración de subsistemas.
Unha liña "para nada monótona"
Noutro momento da declaración, resaltou que a da traxedia parécelle "unha liña tremendamente interesante e atractiva pola súa paisaxe", e non monótona polo número de viadutos e túneles.
Unha parte da comparecencia referiuse ao informe que entregou o Adif pouco antes do comezo do xuízo e que establece a teoría de que se o maquinista frease catro segundos antes o descarrilamento non se produciría, posto que a curva permitía unha "folgura" ata 160 quilómetros por hora.
Negou que a curva da Grandeira fose "ata entón" un punto singular na rede e engadiu que "agora tampouco" o é e, por último, asegurou que "aínda que custe crelo, existían moitas medidas mitigadoras" para afrontala, entre elas esa "folgura ampla" que permitía circular por ela a "case o dobre" do máximo de velocidade establecido para ela.
"Que cada pau terme da súa vela"
Esta testemuña exculpou en todo momento á súa empresa, o Adif, e incluso sinalou a Renfe como responsable de avaliar o risco que puidese ter o traxecto na condución dos maquinistas e de controlar que os seus condutores circulaban correctamente.
Na súa comparecencia, que se prolongou durante cinco horas, Ochoa admitiu que o Adif realiza inspeccións en cabina, pero insistiu en que, na súa opinión, o factor humano é "responsabilidade exclusiva" e "asunto de Renfe".
Asegurou que non é a súa empresa a que ten que percibir se existe risco, "quen o nota son os maquinistas". Para el o Adif non pode avaliar o factor humano: "que cada pau terme da súa vela", afirmou contudente.
"O erro humano superou o previsible"
Para Ochoa "o erro humano superou o previsible", a pesar de que cre que había medidas mitigadoras do risco.
E ademais da a responsabilidade de Renfe de do maquinista acusado neste xuízo, Alfonso Ochoa apuntou de forma directa a outros maquinistas. Fíxoo, entre outras manifestacións, ao afirmar que "se en lugar de charlar na cantina o trasladaran ás comisións de seguridade farían un favor".
Con iso referiuse aos avisos dun xefe de maquinistas sobre os que lle interrogou o avogado de Francisco Garzón, quen conducía o tren o día do accidente.