O Xulgado impide a retirada de Meirás dos bens disputados polos Franco
O Xulgado impide a retirada de Meirás dos bens disputados polos Franco
O xuíz explica no auto que todos os exteriores e a maioría dos interiores teñen a natureza de bens inmobles polo seu destino, pois foron colocados alí “cunha vontade de permanencia”
O titular do xulgado si permite que a familia do ditador poida levar as alfombras do corredor
O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña considera como bens inmobles do pazo de Meirás todos os elementos obxecto de controversia, agás as alfombras do corredor, porque “se colocaron cun fin puramente funcional”. Deste xeito, ningún deses obxectos poden ser retirados pola familia Franco e pasan a estar baixo custodia do Estado.
O xulgado xa lle dera a propiedade do inmoble ao Estado, sentenza que foi recorrida pola familia do ditador que quixo retirar os bens que había no interior e na contorna exterior, e que deu lugar a un novo contencioso.
O auto, notificado este venres, estima na súa maioría os argumentos das administracións, Avogacía do Estado, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Sada e Concello da Coruña.
O xuíz determina que os bens sobre os que existe discusión adquiriron a condición e natureza de inmobles por incorporación, por destino ou por ambos.
Conclúe que todos os existentes no exterior do pazo teñen natureza de bens inmobles por destino, pois, aínda que moitos deles son susceptibles de ser trasladados e “fisicamente separables sen quebranto ningún”, iso non impide, segundo o xuíz, que sexan considerados bens inmobles por destino, pois foron colocados alí “cunha vontade de permanencia”.
"Xa sexan figuras ou conxuntos pétreos (de santos e virxes, entre outras), atópanse colocados ao longo do xardín co fin de conseguir un todo harmónico e artístico”, di o auto.
Engade que, a moitos deles, os caracteriza “a súa especial robustez e o seu elevado peso, coas dificultades que para a súa mobilidade e para o seu traslado supoñería, mesmo dentro do propio pazo”.
No auto, indica que a dimensión e peso desta clase de elementos pétreos fan que, polo seu propio peso, se estabilicen, polo que “non requiren cimentación”, o que fai que o sistema de suxeición e a colocación das pezas sexa “a mesma que a dun cruceiro”.
En canto aos elementos que se atopan no interior, o maxistrado decretou que a porta de acceso desde o vestíbulo e o lavabo de pé con decoración floral teñen natureza de bens inmobles por incorporación e, por destino, a escultura de vulto de San Xosé, o altar, o alto relevo da piedade, a Virxe entronizada co neno, as esculturas de vulto redondo, a pila de auga bendita, o confesionario de madeira, a escultura de vulto redondo, a Virxe orante e a escultura pétrea de vulto redondo.
O Cristo de vulto redondo, os anxiños de bronce, as figuras de vulto redondo en pedra, a lámpada sobre piastra da escaleira, os apliques de parede metálico, o tapiz con escudo e a parella de apliques electrificados teñen, segundo o xuíz, a dobre condición de ben inmoble por incorporación e destino.
En canto a estes bens, situados no interior, o titular do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña considera clave á hora de analizar cada un deles “o emprazamento, poñéndoo en relación coa finalidade perseguida á hora de realizar a colocación nun determinado lugar” e “a relación e visión homoxénea que se poida formar con outros elementos existentes”.
No auto, indica que no altar maior da capela se atopan “gran parte dos elementos discutidos”. Así, afirma que, aínda que “non hai controversia” en que se poidan trasladar as tallas “sen quedar afectados ou deteriorados o pedestal ou cada un dos retablos onde se atopan colocadas”, entende que “non pode obviarse, dadas as súas características, as súas dimensións, a súa posición e a interrelación que existe entre unhas e outras, que responden á idea de formar un conxunto iconográfico”.
Ademais, recalca que “gardan harmonía coa arquitectura e tipoloxía do retablo (de finais do século XVII, principios do XVIII) e das súas propias dimensións, o cal conduce a afirmar que foron colocadas con finalidade decorativa e, sobre todo, cunha clara vontade de permanencia, o que fai que sexan consideradas inmobles por destino”.
En canto á propiedade do Estado sobre os bens mobles, o maxistrado di que nin na sentenza nin ao longo do proceso “se tratou e discutiu” esa cuestión, polo que “non pode constituír obxecto” do incidente sobre o que resolveu.
Así, destaca que nesta fase de execución da resolución xudicial de 2020 que declarou que o pazo de Meirás é propiedade do Estado só se poden dirimir os aspectos aos que se refire a súa parte dispositiva, “podendo utilizarse todos os argumentos utilizados para defender a propiedade do Estado sobre os bens mobles nunha demanda onde se reivindiquen estes”.
No auto notificado hoxe, o xuíz tamén acolleu a segunda cuestión incidental exposta polo Estado, á que se adheriron a Xunta e os concellos da Coruña e de Sada, polo que acordou a conservación do inventario efectuado o 11 de novembro de 2020 polos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta. Contra a resolución cabe interpoñer recurso de apelación.