Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xulgado suspende o prazo de retirada de bens non disputados de Meirás

O xulgado suspende o prazo de retirada de bens non disputados de Meirás

Pídelle ao Estado un listado dos que reclama

G24.gal 14/10/2022 17:00

O Xulgado de primeira instancia número un da Coruña suspendeu o prazo para a retirada dos bens non disputados do Pazo de Meirás por parte da familia do ditador Francisco Franco e pediu ao Estado unha lista dos que reclama.

Unha providencia con data do 13 de outubro difundida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dá ao Estado dez días para indicar "de forma detallada e separada" que bens do inventario realizado o 11 de novembro de 2020 están tamén entre os 564 reclamados no Xulgado de primeira instancia número 70 de Madrid.

A demanda inclúe unha petición de medida cautelar para que se acorde a permanencia dos bens no inmoble, en depósito do Estado, ata que o xulgado resolva sobre a súa propiedade.

Isto prodúcese despois de que o pasado 26 de abril, este Xulgado da Coruña volvese abrir o proceso para a retirada por parte da familia Franco dos bens non disputados do Pazo de Meirás, un edificio declarado propiedade do Estado.

Daba entón ás partes vinte días para que indicasen o tempo que consideran necesario para que os herdeiros de Franco retirasen os bens que non son obxecto de controversia, así como para que designasen ás persoas que participarán no proceso, un prazo que agora quedou suspendido ata que o Estado responda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade