Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os Franco poderán retirar de Meirás a partir do 26 de xuño os bens non considerados do Estado

Os Franco poderán retirar de Meirás a partir do 26 de xuño os bens non considerados do Estado

A familia do ditador só poderá levar do pazo uns anxelotes de bronce da capela, unha virxe, unha lámpada situada sobre a pilastra da escaleira e uns apliques de parede metálicos

G24.gal 18/04/2023 16:15

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña sinalou o día 26 de xuño ás 9:30 horas o inicio da dilixencia de entrega á familia Franco dos únicos bens do pazo de Meirás que a Audiencia Provincial da Coruña lle permitiu retirar.

A entrega continuará durante os días hábiles seguintes. Na resolución, contra a que cabe presentar recurso, tamén requiriu á Administración Xeral do Estado que teña os bens perfectamente localizados e identificados.

A Audiencia Provincial da Coruña, dentro da fase de execución da resolución xudicial de 2020 que declarou que o inmoble é propiedade do Estado, confirmou o pasado mes de xaneiro que a gran maioría dos bens reclamados pola familia do ditador Francisco Franco que se sitúan no exterior e interior do pazo de Meirás forman parte ou pertencen ao inmoble e, polo tanto, non poden ser retirados.

As únicas pezas do inventario elaborado en 2020 polos técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que os recorrentes poderán levar do pazo son os anxelotes de bronce da capela, unha virxe, unha lámpada situada sobre a pilastra da escaleira e uns apliques de parede metálicos. Todo isto súmase ás alfombras de corredor, cuxa retirada xa permitira o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña nun auto recorrido pola familia Franco ante a Audiencia.

O tribunal destacou no seu momento que "non consta que tales bens se introducisen no pazo con posterioridade á morte de Francisco Franco", á vez que indica que "moitos deles estaban en vida de Emilia Pardo Bazán".

"Impensable un retablo sen imaxes"

A Audiencia recalcou que é "impensable un retablo sen imaxes, cando ademais está historicamente acreditado que o mesmo é do século XVII ou principios do XVIII, colocado en tempos da condesa de Pardo Bazán".

Doutra banda, a Avogacía do Estado mantén a reclamación, ademais, doutros 564 bens nun xulgado de Madrid que están no inmoble de forma cautelar.

Estes están agrupados en tres categorías: bens de patrimonio nacional, bens do patrimonio documental español e bens que son do dominio público por se afectación ao uso do pazo de Meirás como residencia oficial do xefe do Estado e, ademais, forman parte do patrimonio histórico español polo seu interese histórico e artístico vinculado á figura de Pardo Bazán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade