O xurado considera a Ana Sandamil culpable da morte da súa filla Desirée
O xurado considera a Ana Sandamil culpable da morte da súa filla Desirée
O tribunal popular considera por unanimidade que a matou esganándoa e non considera probado que o trastorno de personalidade que padece lle anulase as facultades
A sentenza da xuíza será a que ditamine se hai condena de prisión permanente revisable
"Xustiza? A miña nena non a vou volver ter na vida", di o pai de Desirée
O xurado declarou culpable a Ana Sandami da morte violenta da súa filla Desirée Leal, como se coñeceu este martes na lectura do veredicto na Audiencia Provincial de Lugo. O tribunal popular considerou probado por unanimidade que a nena de 7 anos morreu por asfixia, con compresión e oclusión dos seus orificios respiratorios.
Tamén determinou que non se puido probar que o trastorno de personalidade que padece a acusada lle anulase por completo as súas facultades.
Por maioría dos membros do xurado, 8 fronte a un, ditaminouse que a axuizada sufría unha alteración parcial, e "non de forma importante" a causa do seu problema de saúde mental. E por unanimidade estableceron que a intención do pai de Desirée de solicitar a custodia compartida, influíu na decisión da nai de acabar coa vida da pequena.
Ana Sandamil, tras escoitar o veredicto só acertou a dicir, cando a xuíza lle concedeu a palabra, "non considero correcto que eu coñecera os feitos...". E aí quedou a súa intervención, xa que a maxistrada lle explicou que valorar o veredicto non era o propósito da quenda de palabra que lle acababa de conceder.
Desirée Leal, cuxo pai, José Manuel, ex de Ana Sandamil, exerceu a acusación particular na vista, foi atopada morta, o 3 de maio de 2019, no cuarto en que pernoitou coa súa proxenitora con sinais de ser forzada a inxerir un líquido no que supostamente se disolveu un fármaco que consumía a nai e que se chamaba Trazodona.
No exame forense, no cadáver víronse sinais dunha asfixia mecánica, compresión que, segundo os forenses, provocou o óbito á vítima.
Tras coñecerse o veredicto, o caso queda a espera da sentenza que emita a xuíza. Nela quedará plasmado se finalmente a condena a prisión permanente revisable, tal e como demandaron as acusacións. A defensa non empregou a posibilidade de intervir tras coñecerse o veredicto.