Obradoiro de cerámica na recreación castrexa de Friol
Obradoiro de cerámica na recreación castrexa de Friol
É un espazo privilexiado que convida á recuperación dos oficios tradicionais
O curso de cerámica anima a tarde en Friol, nunha recreación castrexa que hai ás beiras do río, un espazo coidado froito da voluntariedade de varios veciños e amigos.
Neste escenario celébrase o Friulio, unha festa histórica que se centra na antropoloxía e nas artes e oficios doutros tempos. A cita é na segunda fin de semana de maio.
Un torno tradicional, mecánico, serve para dar a coñecer o antigo oficio dos que traballaban con arxila e auga. Unha das maiores dificultades das aprendizas está en coordinar o diferente movemento que teñen que ter pernas e mans.
María, a profesora, trata de que as dificultades que ten o traballo coa arxila, non disuadan as alumnas. Precisamente o da olería era un dos oficios indispensable na vida dun castro.
Malia os atrancos que entrañan para os neófitos, as pequenas incursións nestes traballos tradicionais tenden pontes entre a contemporaneidade e a nosa historia.