Publicador de contidos
Publicador de contidos

Oímbra repartirá 1.500 quilos de pementos este domingo

Oímbra repartirá 1.500 quilos de pementos este domingo

Celebran a 26ª edición da Festa do Pemento

Tamén A Arnoia celebra esta fin de semana a Festa do Pemento, entre o venres e o domingo

G24.gal 04/08/2023 14:09

Concha apura a coller pementos. Entre a festa do domingo e as feiras e mercados, estes días non dan feito.

"Cada vez que veño, véxoos medrar, e cantos máis pementos colla, máis teño na finca, porque eles miran para min e eu para eles. E cóidoos!", explica.

O pemento de Oímbra presume de sabor. Un pemento carnoso e doce, que admite múltiples elaboracións, como demostran cada ano na festa.

Concha Pardo Lamas, produtora de pemento: "Pódeo comer frito, en ensalada, asado... É un pemento moi gustoso. Quen o compra un ano, repite porque lle gusta".

Desde o Concello calculan que a produción ascenderá este ano aos cen mil quilos, aínda que algúns produtores non son tan optimistas. As treboadas do mes de maio, cando estaban acabados de plantar, non axudaron.

José Rodríguez Rodríguez, produtor de pemento: "Choveu moito, entón á planta, acabada de transplantar, podrécelle a raíz ou o talo. Agora si que lle veu bo tempo. Entre regar e a calor...".

Benjamín é o maior produtor da zona. O ano pasado colleu vinte mil quilos. Faino todo á man e de xeito natural.

Benjamín Pardo, produtor de pemento: "Non traballamos con herbicidas nin nada, quitamos todas as herbas á man e non hai nada mecanizado. Traballamos desde o sementeiro, o ciclo completo, ata que se poñen vermellos. Quitámoslles a semente aos mellores exemplares, para conservar as súas características de forma, cor, sabor...".

A vixésimo sexta edición da Festa do Pemento de Oímbra celébrase o domingo. Tamén é esta fin de semana a do pemento da Arnoia, que comeza xa esta tarde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade