Oito de cada dez fogares afrontan os gastos da volta ao cole pagando a crédito
Oito de cada dez fogares afrontan os gastos da volta ao cole pagando a crédito
A OCU cifra nunha media de case 2.200 euros o desembolso por fillo, un 6 % máis respecto ao curso pasado
Sen respiro desde a fin das vacacións, as familias afrontan a costa de setembro. E con ela un dos gastos máis avultados, o da volta ao cole.
E así están as tendas. Hai que mercar libros, material escolar, uniformes ou en todo caso roupa de temporada. A este gasto súmase o comedor e tamén as actividades extraescolares. A Asociación de Consumidores e Usuarios estima que o gasto por familia roldará de media os 2.200 euros ao ano, un 6 % máis que o curso pasado.
Un gasto máis que engadir á escalada de prezos da alimentación ou das hipotecas. Un informe dunha xestora de créditos advirte de que oito de cada dez españois se endebeda ou tira de tarxeta de crédito para afrontar a volta ás aulas.
As familias buscan fórmulas para aforrar reutilizando material de anos anteriores. "As claves para o aforro son unha boa planificación, a reutilización do material e a comparación de prezos entre distintos establecementos, que supoñen aforros significativos", explica Enrique García, voceiro da OCU.
España é o terceiro país de Europa que máis financia o gasto do inicio de curso, por detrás de Austria e o Reino Unido.