Publicador de contidos
Publicador de contidos

Oncoloxía do CHUAC logra unha certificación internacional pola súa calidade asistencial

Oncoloxía do CHUAC logra unha certificación internacional pola súa calidade asistencial

O recoñecemento foi outorgado por cubrir unha serie de indicadores de calidade asistencial que contribúen a mellorar tanto a experiencia do paciente como as súas posibilidades de curación

O CHUAC súmase a unha lista de catorce centros españois que conseguen esta acreditación

G24.gal 03/09/2024 11:29

O Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) foi acreditado coa certificación internacional QOPI (Quality Oncology Practice Initiative), outorgada pola Fundación ECO e a Sociedade Americana de Oncoloxía Clínica (ASCO, polas súas siglas en inglés), e que recoñece a súa excelencia na atención dos pacientes con cancro.

Dirixido por Rosario García Campelo, recibiu este recoñecemento internacional por cubrir unha serie de indicadores de calidade asistencial que contribúen a mellorar tanto a experiencia do paciente, como as súas posibilidades de curación. 

Para a doutora García Campelo, “a obtención desta certificación QOPI atópase, sen dúbida, aliñada coa visión e misión do servizo de oncoloxía, así como do Hospital Universitario da Coruña, cun compromiso continuo na mellora do proceso asistencial ao paciente con cancro. Isto é un reflexo do traballo conxunto e multidisciplinar enfocado á excelencia e á autocapacitación. Sen dúbida é unha gran noticia para todo o equipo pero sobre todo é unha gran noticia para todos os pacientes tratados na nosa unidade”

Pola súa banda, o Guillermo Alonso, oncólogo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e coordinador, xunto coa doutora García Campelo, do proxecto para a certificación do servizo de oncoloxía, destaca que “é o resultado do esforzo colectivo de moitos profesionais comprometidos co bo facer. Este certificado sitúanos na vangarda da atención médica oncolóxica”.

O CHUAC súmase a unha lista de catorce centros españois que conseguen esta acreditación. A escala mundial, son máis de 300 hospitais entre Estados Unidos, Brasil, Grecia, España, Romanía e Arabia Saudita os que lograron este selo. España é o segundo país, a nivel mundial, con máis centros acreditados coa certificación QOPI.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade