Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ordenan o arresto dos policías filipinos acusados de matar o coruñés Diego Bello

Ordenan o arresto dos policías filipinos acusados de matar o coruñés Diego Bello

Os tres axentes ingresarán en prisión sen fianza acusados de asasinato e falsificación de probas

G24.gal 20/04/2022 20:12

Un xuíz ditou unha orde de arresto para os tres axentes da policía filipina acusados de matar o empresario coruñés Diego Bello en xaneiro de 2020 na illa de Siargao, ao sur do arquipélago.

O xuíz solicita na orde a detención dos tres policías acusados de asasinato, sen a posibilidade de pagaren unha fianza.

A Fiscalía das Filipinas xa emitira o pasado mes de marzo un auto de apertura de xuízo contra o capitán que lideraba o operativo policial, e outros dous axentes están acusados de asasinato e de falsificación de probas.

A Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas concluíu o verán de 2020 que "a policía disparou deliberadamente a matar" a Diego Bello, e a investigación, levada a cabo entre xaneiro e xullo dese ano, puxo en dúbida o argumento esgrimido polo xefe do operativo Vicente Panuelos sobre a "lexítima defensa".

A policía aseguraba que Bello era un narcotraficante de alto valor que disparou primeiro aos axentes cando se deu conta de que lles vendía droga nunha operación encuberta. Pero Bello nunca figurou na lista de persoas relacionadas co narcotráfico elaborada polo concello da localidade en que vivía.

Diego Bello era natural da Coruña e tiña 32 anos cando foi asasinado. Vivía en Siargao dende novembro de 2017. Neste paraíso de surfistas no sueste das Filipinas, abriu varios negocios enfocados ao turismo: o hostal White House, a tenda de artigos de surf Mamon e o bar-restaurante A Santa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade