Organizan un foro en Lugo para poñer en valor a la das ovellas galegas
Organizan un foro en Lugo para poñer en valor a la das ovellas galegas
Galicia produce medio millón de toneladas de la cada ano
Hai 200.000 ovellas en 20.000 explotacións nas catro provincias
Máis de medio millón de toneladas de la producen cada ano as 200.000 ovellas que hai en Galicia. O problema é que esa la non só non produce beneficios senón que xera gastos, xa que na maioría dos casos hai que pagar para desfacerse dela. Agora a principal asociación de criadores quere que a la galega dea o salto aos mercados da roupa e tecidos aproveitando que é un produto ecolóxico, sustentable e de proximidade.
"Hai moitas razas e cruzamentos, por iso hai que buscar novos usos da la. E hai moita demanda de xente que ten que importala.", explica Amaia Santamarta, técnica de OVICA.
Pero as posibilidades non se reducen a tecidos. A la galega pode ter usos en construción, en fabricación de vehículos, como protectora de cultivos... Nos últimos anos avanzouse na investigación de xeito que toda esa la que se amorea nas granxas, que se malvende ou que acaba queimada pode ser un recurso industrial de primeira orde.
"A la recupera o papel que lle quitaron as fibras sintéticas e permite traballar en novos campos cunha materia prima máis nobre.", sinala Santamarta.
Esta fin de semana Lugo acolle un foro en que participan todos os operadores do sector da la e se van expoñer alternativas de futuro e proxectos xa consolidados.