Os accionistas da téxtil Adolfo Domínguez aproban as contas de 2023-2024
Os accionistas da téxtil Adolfo Domínguez aproban as contas de 2023-2024
Os socios ratificaron a renovación de Adolfo Domínguez como conselleiro da sociedade
Pecharon o último exercicio cunha facturación de 126,7 millóns de euros, un 10,9 % máis ca no ano anterior
Os accionistas da empresa téxtil Adolfo Domínguez aprobaron este xoves as contas do exercicio 2023-24 e a reelección do fundador e principal accionista, como membro do consello de administración, informou a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).
Durante a reunión da xunta xeral ordinaria, os accionistas apoiaron a xestión e contas do grupo de moda no exercicio 2023-2024, cunha facturación de 126,7 millóns de euros, un 10,9 % máis ca no ano anterior.
Os socios ratificaron a renovación de Adolfo Domínguez, como conselleiro de administración. Tamén fixeron o mesmo coa delegación de facultades para a formalización, interpretación, corrección, execución e inscrición, no seu caso, dos acordos adoptados. A empresa especifica que os acordos íntegros aprobados e o resultado das votacións publicaraos no seu portal da Internet nos próximos cinco días.
A firma téxtil galega subliña que logrou "consolidar a súa recuperación e xerar beneficio neto positivo por segundo ano consecutivo". Ademais, incrementou o seu resultado bruto de explotación antes de impostos e cargas (Ebitda) a pesar de ter uns 30 puntos de venda menos que no exercicio fiscal 2019–2020, ata situarse en 17,4 millóns de euros, un 30,1% máis que no mesmo período do ano anterior.
Así mesmo, subliña o crecemento de 21,9% das súas vendas por Internet e alcanzar "máximos históricos", segundo a presidenta executiva, Adriana Domínguez. A empresa levou a cabo unha renovación dos servizos dixitais, que comprenden a súa tenda virtual e novos sistemas interactivos como alugueiro de pezas e complementos da marca.
Adolfo Domínguez leva 48 anos no mercado e a súa "preocupación principal continúa sendo estar en contacto co noso tempo, cos clientes de hoxe e de mañá", segundo indica a presidenta.
A firma galega indica ter 360 puntos de venda en 24 países de varios continentes ao peche do exercicio 2023-2024 e máis dun milleiro de empregados.