Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os administradores de fincas piden unha lei máis proteccionista para os pequenos propietarios ante os inquilinos morosos

Os administradores de fincas piden unha lei máis proteccionista para os pequenos propietarios ante os inquilinos morosos

A presidenta do Colexio de Administradores de Fincas de Galicia considera básico dar "seguridade xurídica" para recuperar de inmediato a vivenda en caso de impagamento

 Teresa Suárez Agrasar di que "moitos" propietarios deixan de alugar por temor a non cobrar e cualifica de "nefasto" o índice que limita os prezos en zonas tensionadas

G24.gal 20/03/2024 10:18

A presidenta do Colexio de Administradores de Fincas de Galicia, Teresa Suárez Agrasar, pide unha normativa que "dea seguridade xurídica" aos pequenos propietarios que queren poñer en alugueiro unha vivenda, pero temen os efectos dun inquilino moroso. Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante.

Explica que pequenos propietarios "non se senten seguros desde o momento que alugan unha vivenda por un tempo determinado e unha renda determinada que logo se paraliza porque deixa de pagar o inquilino e porque no momento de ir a un desafiuzamento hai diferentes situacións nas que se impide o desafiuzamento por cuestións de vulnerabilidade do arrendatario ou por cuestións de non atopar unha solución habitacional para ese arrendatario".

Teresa Suárez Agrasar recalca que "hai moitos inquilinos que non pagan o alugueiro e entón isto é unha situación moi complexa. Os xulgados están moi paralizados e a nova lei [de Vivenda] cos requisitos de vulnerabilidade que se esixe, alongan o trámite ata tres anos. Durante ese tempo tes unha persoa na túa vivenda na que ti segues pagando os gastos (a comunidade, o IBI, en moitos casos a luz e a auga) e non tes a túa vivenda liberada".

Desde o Colexio de Administradores de Fincas de Galicia explican que os seguros para cubrir este tipo de situacións tampouco son unha solución efectiva, xa que moitas compañías non chegan a aceptalos precisamente pola situación económica precaria de moitos inquilinos.

Teresa Suárez Agrasar di que estas casuísticas contribúen a "encarecer moito a vivenda porque existe moitísima menos oferta. Hai moita demanda e menos oferta. Aqueles que poñen a súa propiedade en alugueiro esixen condicións, que, ás veces, son inadmisibles pero que aos inquilinos nos lles queda en moitos casos outro remedio que aceptar porque non teñen outra opción".

Sobre alcance cre que tería en Galicia se se chega a aplicar ese índice de zonas tensionadas, Teresa Suárez Agrasar é pesimista.

Afirma que en "todas as cidades que fixeron este experimento, non só en España, senón noutros países de Europa como Berlín, non resultou, foi nefasta a experiencia. O que contribúe é a encarecer aínda máis as rendas das vivendas das poboacións lindeiras. Se un ten unhas condicións moi esixentes en determinadas zonas da cidade, vaise buscar noutras zonas limítrofes. Para nós, a declaración de zona tensionada non vai solucionar absolutamente nada porque vai contribuír a que se retiren aínda máis vivendas do mercado".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade