Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os autores dos falsos espidos teñen de 12 a 14 anos e son próximos ás vítimas

Os autores dos falsos espidos teñen de 12 a 14 anos e son próximos ás vítimas

Hai 22 denuncias presentadas polos pais das vítimas, que teñen a mesma idade que os presuntos autores 

Algúns dos menores identificados teñen "os 14 anos cumpridos e por tanto serían imputables conforme á Lei Penal do Menor"

G24.gal 20/09/2023 20:02 Última actualización 20/09/2023 20:46

Os menores identificados como presuntos autores dos falsos espidos creados con intelixencia artificial en Almendralexo (Badaxoz) teñen entre 12 e 14 anos e todo apunta a que son da contorna das vítimas, segundo fontes policiais.

O xefe do Grupo de Protección ao Menor da Unidade Central de Ciberdelincuencia Javier Izquierdo informou da recollida de vinte e dúas denuncias presentadas polos pais das vítimas, que teñen a mesma idade que os presuntos autores.

Algúns dos menores identificados teñen "os 14 anos cumpridos, polo que serían imputables conforme á Lei Penal do Menor", sinalou Izquierdo, que asiste en Málaga a un congreso internacional organizado pola policía contra a fraude telemática e a explotación sexual infantil mediante novas tecnoloxías.

Lembrou que a creación de espidos con intelixencia artificial é "algo que recolle o Código Penal e, a pesar de que sexan imaxes manipuladas, se son realistas considérase pornografía infantil".

Aos menores non imputables "non se lles aplica a Lei do Menor, por tanto é decisión da Fiscalía" o seu destino, mentres que "aos que sexan imputables seríalles de aplicación a Lei Penal do Menor".

Se os autores fosen maiores de idade, "as penas por produción de pornografía infantil van de dous a cinco anos" de prisión, e se as vítimas son menores de 16 anos "a pena agrávase de cinco a nove anos", precisou.

A preguntas dos xornalistas, sinalou que descoñece se os presuntos autores identificados son de Almendralexo, porque a investigación foi desenvolta pola comisaría desa cidade, "pero a priori todo apunta a que si e a que son da propia contorna das vítimas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade