Os avogados de oficio endurecerán a presión sobre as administracións para acadar as súas demandas
Os avogados de oficio endurecerán a presión sobre as administracións para acadar as súas demandas
Avogados e procuradores da quenda de oficio levan un ano de protestas e seis meses en folga sen acadar melloras laborais
Piden unha regulación profesional e a suba de retribucións
Tras un ano de protestas e algo máis de seis meses de folga, os avogados e procuradores da quenda de oficio continúan coas súas reivindicacións. Denuncian a falta dunha regulación profesional e na relación coas administracións.
"Esa falta de regulación ao final en que deriva pois en que só se nos reclaman obrigas pero non se nos recoñece ningún tipo de dereito. Obrígasenos a traballar sen cobrar, sen unha cobertura social, sen unha cobertura por un accidente por exemplo", di a avogada Ana Camiño.
Despois deste tempo de protestas din non ver avances na consecución das súas demandas.
"Hai que dicir que non se acadou nada ata este momento porque as Administracións non se están reunindo con nós, non están poñendo da súa parte para solucionar o problema", engade.
Como consecuencia desta folga a tramitación dos procedementos xudiciais estase a ver freada, pero ante a falta de avances, avogados e procuradores da quenda de oficio aseveran que darán novos pasos para endurecer as presións sobre as administracións.
"O seguinte paso é ir dándonos de baixa como voluntarios na maior parte de partidos xudiciais para que se vexa a repercusión desa folga. Só nos queda continuar en folga, continuar suspendendo procedementos xudiciais para que se vexa que non somos o último mono da cadea, senón que somos un dos piares fundamentais do Estado de dereito porque somos os que garantimos que os dereitos dos cidadáns van ser protexidos e van ser atendidos", asevera.