Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os axentes sociais consideran insuficientes as medidas contra a inflación

Os axentes sociais consideran insuficientes as medidas contra a inflación

Vieites avoga por fortalecer a contratación, conxelar salarios e facer bo uso dos fondos europeos

O secretario xeral da CIG aposta pola intervención pública da economía e dos sectores estratéxicos

 

G24.gal 14/01/2023 12:03 Última actualización 14/01/2023 13:31

A Confederación de Empresarios de Galicia e o sindicato CIG consideran que as medidas aprobadas polo Goberno para mitigar a crise de prezos non son axeitadas nin suficientes. 

Nunha entrevista na Radio Galega, o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, describe o contexto económico como incerto e complexo. Avoga por fortalecer a contratación e facer un bo uso dos fondos europeos para reverter a situación.

Vieites prevé que a inflación se manteña alta este ano polo que considera que o obxectivo principal é evitar unha espiral inflacionista. Por iso, pide non subir os salarios para que non se vexan aínda máis afectados os prezos e reclama máis apoio á creación e ao mantemento do emprego.

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, aposta pola intervención pública da economía e de sectores estratéxicos.

Avoga por ampliar a produtos como a carne e o peixe a redución do IVE e que o Goberno interveña máis na economía. Por exemplo, aumentado a fiscalidade daquelas empresas que, segundo el, se están beneficiando da suba dos prezos.

Stellantis

Vieites explica que o contexto económico actual, de inflación e crise enerxética, está obrigando a moitas empresas galegas a tomar decisións difíciles, como é o caso de Stellantis Vigo, que puxo sobre a mesa un novo ERTE e tamén un ERE.

O presidente da patronal ve imprescindible que a factoría viguesa reciba as axudas do PERTE da automoción para reverter unha situación que cualifica de crítica.

Por iso, pídelle ao Goberno central que apoie a planta galega e que deixe atrás a ideoloxía na adxudicación dos cartos que chegan de Europa.

Sobre este asunto, o secretario xeral da CIG cre que Stellantis emprega a non inclusión no PERTE como escusa e salienta que a compañía xa leva anos recortando emprego.

Futuro de Ence

Ambos os dous tamén se pronunciaron sobre Ence. Á espera de que o Tribunal Supremo se pronuncie o próximo 7 de febreiro sobre a prórroga da factoría na ría de Pontevedra, o presidente da patronal galega agarda que a xustiza lle dea a razón á empresa.

Con todo, Juan Manuel Vieites pide a todas as Administracións e á compañía seguir traballando para que -con independencia da resolución- Ence manteña a súa actividade en Galicia e os 5.000 traballadores non se vexan prexudicados.

Tamén o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, avoga polo traballo conxunto para buscar unha solución pero acusa a empresa e a Xunta de non ter preparado un "plan B" e de xogar só cunha carta, a da xustiza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade