Os bombeiros educan a poboación para previr incendios urbanos
Os bombeiros educan a poboación para previr incendios urbanos
Instalaron un parque da prevención en Ourense, onde ofrecen instrucións básicas
Tras dárennos algunhas recomendacións, os propios bombeiros guíannos a través dunha suposta vivenda en chamas. Só hai fume, pero cada vez máis mesto. "Hai que avanzar pegados á parede", explica o bombeiro. O túnel reproduce o escenario habitual ao que se enfrontan os bombeiros no seu traballo.
"Non debes baixar por unha escaleira se está chea de fume. É mellor confinarse na casa e esperar a que cheguen os bombeiros. Normalmente a xente na vivenda non morre polo incendio, senón que falecen por inhalación de monóxido", asegura José Ramón Sánchez Feijóo, xefe de Bombeiros de Ourense e organizador do parque.
A saída é liberadora. "Non vía nada e afogaba un pouco", comenta un neno. "Tes unha sensación rara, non gusta, como que vas afogar", subliña o seu irmán.
No parque da prevención, coincidindo co día da parada cardiorrespiratoria, tamén nos ensinan técnicas básicas de reanimación que poden salvar vidas.
"A porcentaxe de supervivencia vai baixando cada minuto que pasa. É importante saber facer, sobre todo, comprensións torácicas para evitar danos na medida do posible, antes de que chegue a ambulancia", subliña María Méndez, técnica en emerxencias sanitarias.
Seguirán en Ourense ata o martes, con visitas para colexios e, despois, trasladaranse á Coruña.