Os candidatos á alcaldía da Coruña apelan á participación dos cidadáns
Os candidatos á alcaldía da Coruña apelan á participación dos cidadáns
Pasarán a xornada en familia, descansando antes da noite electoral
O candidato do Partido Popular votou no colexio electoral instalado no Palacio da Ópera. Miguel Lorenzo apelou á participación dos coruñeses.
"O importante é que todo saia ben, que a xente exerza o seu dereito ao voto en liberdade e que o resultado sexa bo para A Courña e para os coruñeses".
Aspira a renovar o goberno socialista na Coruña. Inés Rey votou no instituto de Zalaeta e animou a toda a cidadanía a exercer este dereito.
"O exercicio do dereito ao voto que tantos anos custou conseguir neste país creo que merece que hoxe teñamos unha participación masiva, ademais, o día acompaña a dar un paseo e vir votar".
Enviou a mesma mensaxe o cabeza de lista da Marea Atlántica. Xan Xove depositou a súa papeleta no instituto Rosalía Mera.
"Hoxe é o día da Coruña. Esperamos unha gran participación e que a xornada se desenvolva dunha maneira pacífica e marabillosa, como sempre son estes días".
Francisco Jorquera repite como candidato do BNG. Votou no seu barrio, no Castrillón. Pediulles aos cidadáns que sexan esixentes cos representates que elixan.
"Animo a todos e a todas a que voten e que sexan esixentes cos seus representantes, que logo esixa o cumprimento dos compromisos e que rendan contas".
Os candidatos pasarán o día en familia e entre amigos ata que pechen os colexios e comece o reconto. Día repousado antes dunha noite inevitablemente intensa.