Os cibercalotes aumentan un vinte e cinco por cento en Galicia no último ano
Os cibercalotes aumentan un vinte e cinco por cento en Galicia no último ano
Os delincuentes buscan datos bancarios e de identificación persoal
A Garda Civil recomenda desconfiar das mensaxes descoñecidas que instan a unha acción urxente
A covid provocou que moitos delincuentes empezaran a roubar dende Internet. Dende entón os ciberdelitos non deixan de medrar, especialmente os destinados á obtención de datos bancarios.
"Todo dato que se introduce nestas mensaxes, con altísima probabilidade, estamos cedendo uns datos que logo van ser empregados para calotes. Ao mellor nun primeiro momento non nos decatamos, pero posteriormente virá unha transferencia fraudulenta realizada ou unha chamada en que nos pidan un código", ilustra Alberto González, sarxento do equipo de loita contra a ciberdelincuencia da Garda Civil da Coruña.
Outro dos obxectivos dos ciberladróns é obter o DNI das vítimas para abrir contas bancarias destinadas a actividades fraudulentas.
"Cando temos que dar un DNI porque é necesario, dende a Garda Civil pedimos que o documento que se remita vaia cunha nota de a quen llo estamos mandando, a data e o propósito. Esta nota no medio do documento vai facer que ningunha entidade bancaria poida abrir unha conta con ese engadido", asegura o sarxento Alberto González.
A maior parte dos estafados non é a xente maior, máis desconfiada coa tecnoloxía, senón os mozos. Por iso, a Garda Civil, recomenda desconfiar de mensaxes que urxen a realizar algún tipo de acción económica.
"Chamadas telefónicas, mensaxes de móbil, WhatsApp... en que non fomos nós os que pedimos que nos mandasen algo, todo o que nos chega temos que entender que é unha posible fraude", conclúe o sarxento da Garda Civil.
En Galicia os ciberdelitos aumentaron un 25 por cento o ano pasado. Calquera pode ser vítima dos estafadores, polo que se iso sucede cómpre denunciar sempre para que as forzas da orde poidan intervir canto antes.