Os colexios terán un coordinador contra o acoso escolar a partir do próximo curso
Os colexios terán un coordinador contra o acoso escolar a partir do próximo curso
Tamén haberá unha figura similar nas entidades de ocio e nas deportivas
A partir do próximo curso os colexios españois deberán ter un coordinador contra o acoso escolar. Será un profesional formado especificamente para escoitar os menores e detectar calquera situación de acoso ou violencia no colexio.
Acordárono este luns o Goberno e as comunidades autónomas na folla de ruta da aplicación da Lei de protección á infancia. Tamén haberá unha figura similar nas entidades de ocio e nas deportivas.
O Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 presentou na reunión da Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia celebrada este mediodía, un documento co calendario de implantación de medidas da lei de protección á infancia fronte á violencia (LOPIVI,) en vigor desde o pasado mes de xuño.
Durante a súa intervención, a ministra Ione Belarra apelou ao consenso entre as distintas administracións públicas para implementar a lei: "Temos que trazar unha folla de ruta común, clara e coordinada para garantir o seu cumprimento".
O documento establece a posta en marcha en setembro en todos os colexios do coordinador escolar e fixa criterios comúns para a implantación de varias medidas previstas na lei nos seguintes prazos:
Entre xaneiro e abril de 2022:
• Recomendacións mínimas para garantir unha atención integral das menores vítimas de delitos violentos e, en todo caso, de delitos de natureza sexual, de tráfico ou de violencia de xénero, para favorecer a súa recuperación a través de servizos especializados.
• Fixar mecanismos claros, confidenciais e accesibles de comunicación, de apoio e denuncia para os nenos.
• Catálogo de accións para mellorar os recursos ante a violencia dixital.
• Protocolos comúns de actuación en colexios, deportes, Forzas de Seguridade, centros de menores, vítimas de violencia de xénero e trata de persoas.
Entre maio a agosto de 2022:
• Os contidos da formación especializada dos profesionais.
• Análise do desenvolvemento das figuras de coordinador en colexios, deportes e lecer.
En xuño de 2022:
• As comunidades deben presentar os programas de prevención e de erradicación da violencia sobre os menores en ámbitos familiar, educativo, sanidade, servizos sociais e Forzas de Seguridade, entre outros, para incluílos na Estratexia nacional de Erradicación da Violencia e trasladala ao Goberno.
De setembro a decembro de 2022:
• Xa operativos os coordinadores dos colexios e os delegados de protección de lecer e deporte.
• Incluiranse as modificacións para reforzar a especialización e composición dos equipos de intervención dos servizos sociais, así como os cambios para garantir o acceso á defensa e representación gratuíta ás vítimas.
Entre xaneiro e marzo de 2023:
• Rexistro Unificado de Servizos Sociais sobre Violencia contra a Infancia (RUSSVI) coa información estatística dos servizos sociais de primaria e da entidade de protección á infancia.